Un informe de UGT defende a viabilidade do AVE entre Galicia e Madrid

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento

A sección de Ferroviarios de UGT Galicia vén publicando, dende antes do verán unha serie de informes que defenden a viabilidade e necesidade de completar canto antes a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galicia e a meseta. Faino, fronte ás críticas de colectivos ecoloxistas e grupos políticos de esquerda, que apostan polo reforzamento do tren de proximidade e a electrificación e mellora das liñas actuais, pero sobre todo ante as declaracións chegadas dende outros puntos do Estado, nomeadamente Catalunya, onde CiU puxo en dúbida en varias ocasións o uso real e a rendibilidade que esta liña de alta velocidade tería. 

Xa en xullo UGT salientara que entre Madrid e Catalunya viaxan cada ano uns 10,05 millóns de persoas, fronte aos 11,02 millóns que o fan entre Galicia e Madrid. Ou que por exemplo as provincias da Coruña e Pontevedra teñen máis poboación que Sevilla, con 19 trens de alta velocidade cada día até Madrid. Neste novo informe, o sindicato busca responder punto por punto ás obxeccións presentadas polos nacionalistas cataláns, para salientar que o remate das obras galegas é máis urxente que a posta en marcha do terceiro carril no corredor mediterráneo para potenciar os portos. Propón, a cambio, que se promova unha autoestrada marítima que una todos os portos entre Algeciras e Barcelona.

O informe defende que a conexión de alta velocidade coa meseta tería unha alta demanda, en ningún caso inferior á que hoxe contan as liñas que hoxe unen Madrid con Barcelona, Valencia ou Sevilla

O informe defende que a conexión de alta velocidade coa meseta tería unha alta demanda, en ningún caso inferior á que hoxe contan as liñas que hoxe unen Madrid con Barcelona, Valencia ou Sevilla. UGT destaca que, malia á dispersión poboacional galega, nas cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, sumando un radio de 20 quilómetros ao seu redor, se concentran case 1,5 millóns de persoas. E que Ourense, nun radio de 35 quilómetros, achegaría outros 300 mil. E salienta que o AVE a Sevilla captou o 65% do tráfico aéreo entre as dúas cidades e o 33% dos pasaxeiros por estrada.

O sindicato afirma que a alta velocidade entre Galicia e Madrid podería rozar os tres millóns de usuarios anuais

O sindicato defende que a alta velocidade entre Galicia e Madrid podería rozar os tres millóns de usuarios anuais (contando os dous sentidos), se se suma unha estimación do 50% dos actuais dous millóns de pasaxeiros de avión, uns 800 mil que hoxe viaxan por estrada (en coche ou autobús) e uns cen mil procedentes da demanda inducida e outras vías. E todo iso, sinala o informe, sen incluir viaxeiros con otros destinos máis aló de Madrid, os das estacións intermedias, nin os procedentes ou con destino ao norte de Portugal. Como referencia, UGT lembra que o AVE entre Madrid e Catalunya sumou 3.160.778 usuarios no ano 2010.

Tren de Alta Velocidade © Ministerio de Fomento
Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.