Un novo recorte no eólico sitúa no abismo o sector en Galicia

Parque eólico en Galicia © EGA

Galicia é a cuarta potencia eólica de Europa. Ou era. Desde logo, nada fai prever que o sector se manteña entre os primeiros postos nos vindeiros anos. Logo de continuos golpes regulatorios e tras a inseguridade xurídica e múltiples problemas que causou a irregular anulación do concurso do goberno bipartito, o Executivo central parece decidido a acabar con esta enerxía renovable no Estado e no país. Son xa milleiros os empregos e as oportunidades perdidas.

Case o 60% dos parques galegos quedan sen as primas excepcionais, fronte ao 37% das instalacións no Estado

Agora, o novo modelo de retribución a estas enerxías renovables proposto polo Ministerio de Industria, e que afecta nomeadamente a eólica, deixa sen primas o 37% dos parques eólicos a nivel estatal, pero tamén a case o 60% das instalacións galegas. O recorte preparado polo Goberno nos pagos ás tecnoloxías subvencionadas pola súa sostibilidade é duns 1.700 millóns e céntrase nos parques máis antigos. Todos aqueles sen autorización de explotación definitiva anterior a 2004 quedan fóra destas primas excepcionais e terán que competir no mercado con outras fontes que poderán seguir recibindo axudas públicas de maneira encuberta.

As promotoras eólicas insisten en que esta nova regulación provocará novos despidos e a marcha de empresas do Estado. Máis aínda. Galicia será máis prexudicada. Segundo a Asociación Eólica Galega (EGA), os ingresos caerán de media un 40% nos parques galegos con este novo sistema, o dobre da caída que se agarda a nivel estatal, debido á parálise que o sector sufriu en Galicia e que provocou que nos últimos anos en Galicia non se instalasen nin tan sequera 100 megavatios. Os parques máis antigos serán os verdadeiramente golpeados. Galicia será a máis danada.

Dos 150 parques existentes en Galicia, tan só 66 recibirán primas

Segundo os cálculos que fai Vento Noso, asociación de propietarios de terreos eólicos, dos 150 parques existentes en Galicia, tan só 66 recibirán primas, mentres que os 84 restantes terán que competir a prezo de mercado. A Coruña será a provincia máis afectada, xa que tan só nove das 47 instalacións se poderán seguir beneficiando das axudas. Tres cuartas partes das primas e preto de 300 millóns de euros menos ao ano.

O axuste, ademais, non afectará só á enerxía eólica, senón tamén ás plantas de biomasa e coxeración de Galicia, xa que tamén son antigas, ademais da propia Sogama. A fin das primas deixa as renovables nunha situación dramática. En Galicia, tan só en Ferrolterra e nas cormacas da zona perdéronse uns 1.500 empregos nos últimos cinco anos en empresas de compoñentes eólicos, mentres que nos parques continúan a traballar directamente unhas 350 persoas. No conxunto do Estado, e segundo a Asociación Empresarial Eólica (AEE), tan só o pasado ano perdéronse case 4.000 empregos e pecharon numerosas fábricas.

A patronal advirte da marcha de empresas e de novos despidos nun sector en caída libre desde hai anos

A patronal estatal xa advirte da "deslocalización e venda de activos, así como novos axustes dos cadros de persoal" se esta reforma se confirma. Nun comunicado, a AEE acusa o Gobberno central de "poñer fin á historia de éxito do sector eólico español coa regulación máis regresiva xamais adoptada". Ademais, cre "incomprensible e inadmisible" que a eólica sexa a tecnoloxía máis penalizada pola reforma, xa que percibe tan só o 25% do total das primas cando é responsable do 11,4% dos custos regulados do sistema, malia ser a primeira fonte de electricidade en España.

"En calquera país do mundo, sería inadmisible que se puxese en xaque o futuro dun sector que baixa o prezo do mercado eléctrico ao evitar importacións de combustibles fósiles, crea emprego e exporta tecnoloxía, entre outros moitos beneficios", asegura a patronal. O caso é que o Goberno español substitúe o anterior sistema de primas cunha rendibilidade dun 7,4% antes de impostos por cada instalación, mentres que a Comisión Europea establece un 9% despois de impostos como rendibilidade razoable para acadar os obxectivos de enerxías verdes da UE para 2020 e 2030. 

Parque eólico en Galicia © EGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.