Un premio para os ultramarinos de toda a vida

Casa Juanito © portaldocomerciante.blogspot.com

Dúas tendas centenarias, as dúas en Melide, Casa Juanita e Aceiteiro, veñen de ser premiadas pola Dirección Xeral de Comercio no marco da campaña A Semana do teu comercio. Juan José Rodríguez Mariño e Antonio Rodríguez Pampín, actuais xerentes de un e outro establecemento, fundados en 1910, recibiron un diploma que quere recoñecer a súa traxectoria, e unha longa e intensa historia.

 

Casa Juanito

Casa Juanito comezou a súa andaina no ano 1910 por iniciativa de Juan Rodríguez Uriña, bisavó dos actuais xerentes. Corrían os primeiros anos do século XX cando Juan Rodríguez Uriña casou e recibiu como dote un coche de cabalos. Foi o momento no que decidiu dar o salto ao mundo dos negocios e, ante a ausencia dos que logo se coñecerían como coches de liña, comezou a transportar xente dende Melide até localidades próximas como Arzúa, Curtis e outras máis afastadas, como Sada. Ao mesmo tempo abriu un pequeno establecemento de ultramarinos no que traballaba a súa muller e máis tarde os fillos mentres el continuaba realizando viaxes co coche de cabalos.

Casa Juanito despachaba nos seus inicios produtos alimenticios básicos e outros elementais para o día a día: azucre, aceite, xabón… tamén, como era propio de calquera ultrimarinos, aqueles chegados do outro lado o Atlántico, tal é o caso do café ou das especias. Á marxe do comercio propiamente dito, a casa contaba na parte de atrás cunhas cortes nas que aquelas persoas que se achegaban de Melide podían deixar os seus cabalos mentres mercaban ou realizaban outras xestións na vila. “Era unha especie de aparcadoiro dos de hoxe en día”, explica Juan José Rodríguez Mariño, neto do fundador de Casa Juanito, “os homes metían os cabalos na cuadra, sacábanlles as alforxas e deixábannolas na casa mentres ían facer as compras. Cando volvían, metían a mercancía nelas, acababan de mercar o que lles facía falta no noso comercio e collían os cabalos para volver para a casa”. Juan José Rodríguez recorda que seu avó mesmo mercaba herba para alimentar os cabalos mentres agardaban, algo que se deixou de facer trala Guerra Civil.

Á marxe do comercio propiamente dito, a casa contaba na parte de atrás cunhas cortes nas que aquelas persoas que se achegaban de Melide podían deixar os seus cabalos mentres mercaban ou realizaban outras xestións na vila

Tamén na parte de atrás do establecemento, Casa Juanito contaba cun espazo habilitado para que a xente procedente das aldeas puidese comer. Lonxe de ser un comedor ao uso, tratábase dun cuarto con mesas e cadeiras no que poder sentar e picar algo: “algúns traían chourizo, touciño ou o que tivesen pola casa pero outros non traían nada e preferían mercarnos conservas a nós, que daquela eran unha novidade”. Malia contar con este servizo, Casa Juanito nunca foi unha casa de comidas. Ademais das mencionadas conservas, tan só servían pan e viño.

Nos tempos da posguerra moitos veciños e veciñas da vila e da comarca achegábanse ao establecemento para facerse cos produtos asignados nas súas cartillas de racionamento. Ao tempo que acudían polos produtos alimenticios, os clientes “aproveitaban para mercar outras cousas esenciais que necesitaban”, por iso Casa Juanito tamén foi paquetería e vendía todo tipo de roupa interior e tamén botóns, agullas, fío…

O negocio foise herdando de xeración en xeración por tradición ou, como di con ironía Juan José Rodríguez, “porque o burro aprende un camiño e vai sempre por el”. Nestes cento tres anos, Casa Juanito foi quen de conservar a súa esencia e, á marxe dos lóxicos cambios que impón o progreso e os novos hábitos de consumo, conserva a mesma liña de negocio. “Só cambiamos os estantes nos anos 50”, destaca Juan José, “meu pai fixo daquela algún arranxo, pero o demais segue todo igual”. Tamén os produtos que venden, máis variados e enmarcados dentro da liña delicatessen: conservas de peixe e vexetais, legumes selectas, arroces especiais, embutidos de primeira calidade, xamóns ibéricos e unha gran variedade de viños e licores das primeiras marcas. 

 

Aceiteiro

A orixe de Ultramarinos Aceiteiro comezou a forxarse algúns anos antes da súa apertura como tenda especializada nos comestibles de ultramar. Corría o ano 1898 cando o bisavó de Antonio Rodríguez Pampín, o actual rexedor do negocio, lle arrendou a Joaquín Penas a hoxe en día coñecida como Casa Quinzán, un edificio da céntrica rúa do Convento, en Melide. O prezo fixado polo aluguer foi de 1.464 reais, ou o que é o mesmo, unha peseta diaria.

Naquela casa montou unha taberna e unha pousada na que tamén traballaban os seus fillos, José e Elisa Martínez Sobrado, avoa de Antonio. Ela habíase converter na alma mater do negocio e a taberna, na que tamén daban comidas, axiña pasou a ser coñecida como “Casa Elisa”. Xa por aquel entón comezaron a vender “algunhas cousas que facían falta naqueles tempos”, explica Antonio: viño, pan, aceite, sardiñas, carburo… Ao ser pousada, tamén daban durmida e incluso dispoñían de cortes para meter os animais e mantelos.

Á morte de seu pai, Elisa queda á fronte do negocio xunto cos seus fillos. Un deles marchou estudar empresariais á Coruña e da súa man comezaron a chegar novos produtos e servizos para aquela tenda-taberna-pousada que non deixaba de evolucionar. A modernización consistiu en incorporar ao negocio os abonos químicos, madeiras, un depósito de cervexa Estrella Galicia, que daquela se repartía en barrís, e outro de cemento, un material que naqueles tempos apenas se empregaba nas obras.

En 1928 Ultramarinos Aceiteiro comeza unha nova etapa: Elisa enferma e o seu fillo Manuel Rodríguez, á volta do servizo militar, faise cargo da tenda. Tras casar con Presentación Pampín, ambos os dous decidiron incorporar unha nova liña de negocio, a venda de roupa, que se mantivo ata o seguinte relevo xeracional, na década dos 70. A día de hoxe, ademais dos comestibles, Ultramarinos Aceiteiro vende cereais e abonos. Tamén material de apicultura, sendo o único establecemento en Melide que dispón de produtos e artigos específicos para o aproveitamento das abellas.

Casa Juanito © portaldocomerciante.blogspot.com
Interior de Casa Juanito © portaldocomerciante.blogspot.com
Fachada do Aceiteiro © portaldocomerciante.blogspot.com
Interior de Casa Juanito © portaldocomerciante.blogspot.com
Antonio Rodríguez Pampín, propietario do Aceiteiro © portaldocomerciante.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.