Unha cuarta parte do PIB galego é economía mergullada

Os billetes de 500 euros adoitan estar vinculados á economía mergullada CC-BY-SA Luis Javier Modino

Medir a fraude económica en xeral e a economía mergullada en particular non é doado "por razóns obvias, ninguén está disposto a declarala". Os técnicos do Ministerio de Facenda agrupados en Gestha parten desta premisa antes de tentar "medir algo que non é observable directamente, na maioría das ocasións", pero que é sabido que existe no ámbito español e, ademais, "nun nivel importante". Evitar o pago de impostos ou de cotizacións á Seguridade Social, pasar por riba das normas laborais ou evitar procedementos administrativos son algúns dos sinais deste fenómeno, que Gestha vén de cuantificar e que en Galicia supera unha cuarta parte do Produto Interior Bruto (PIB), chegando ata o 25,6%.

Para elaborar este estudo, no que Gestha foi quen de descender ata o nivel provincial baixo a dirección do profesor Jordi Sardà, da Universitat Rovira i Virgili, os seus técnicos botaron man dun método que se apoia en múltiples "variables causais", tales como o número de traballadores e traballadoras no réxime de autónomos, as taxas de desemprego, o valor engadido bruto do sector da construción, a renda e o PIB per cápita, o peso das cotizacións á Seguridade Social, os custos laborais, o consumo de electricidade ou a taxa de actividade, tirada da EPA. Con todas estas cifras sobre a mesa, acompañadas de estudos anteriores elaborados por outros organismos, chegan a concluír que a crise disparou as relacións económicas á marxe do fisco, que no conxunto do Estado superaban en 2012 os 200.000 millóns de euros, o 24,6% do PIB.

As catro provincias galegas superan, con Lugo á cabeza, a media estatal de cartos alleos ás canles legais

Con Galicia no seu conxunto por riba da media estatal o nivel de detalle deste estudo permite coñecer que o comportamento a este respecto non é homoxéneo en todo o país e que dende o inicio da crise foi especialmente intenso nas provincias do interior. Así, a primeira referencia que ofrece Gestha, no período 2000-2003, situaba a Lugo como a provincia con menos economía mergullada, co 20,9%, seguida da Coruña, co 23%, Pontevedra, co 23,2% e Ourense, que lideraba o estudo co 23,6%. Pero xa no comezo das turbulencias económicas o panorama variara notablemente, e Lugo era a provincia galega con máis cartos á marxe dos cauces legais, chegando case ao 30%. Superaba así a Ourense (24,3%), Pontevedra (22,2%) e A Coruña (19,3%).

A referencia máis recente da que dispoñen os técnicos de Facenda é a do ano 2012 e nela Lugo segue á cabeza de Galicia. Tras un lustro de crise a provincia luguesa chega ao 28,3%, case catro puntos por riba da media estatal, Ourense e A Coruña ascenden ao 26,5% e Pontevedra tamén incrementa a fraude, pero menos, quedando no 25,4%. Todas superan, en todo caso, o nivel medio do Estado español e, no caso de Lugo, só sete provincias (Almería, Zamora, Albacete, Granada, Cáceres, Badajoz e Córdoba) teñen máis fraude.

"Un problema de moralidade"

Unha vez coñecidos os datos, é posible definir as consecuencias? Para Gestha, a existencia destes niveis de economía mergullada "é un problema de primeira orde que pode distorsionar os valores de diferentes macromagnitudes" tan relevantes como a renda per cápita, "que é a que se utiliza como referencia para o reparto de fondos de axuda internacional", e polo tanto "dificulta o deseño de políticas económicas que están baseadas nelas". Do mesmo xeito, explican, "a economía mergullada produce competencia desleal" entre o empresariado e "evasión de impostos". Ao tempo, os técnicos de Facenda poñen o acento nos problemas que a economía mergullada trae consigo para o persoal asalariado: "malas condicións laborais, escasas ou nulas medidas de seguridade", ausencia de pagamentos á Seguridade Social e "importantes consecuencias a longo prazo", como a falta de pensións de xubilación.

"Cando unha sociedade percibe que estas actitudes prexudican a colectividade, minimízanse"

Pero, como calquera fenómeno político ou económico, este tipo de fraude non é unha praga bíblica, senón un produto de actuacións das persoas. "Por tras da existencia dun determinado nivel de economía mergullada está o que unha sociedade quere ser", afirman os autores do estudo, que se amosan convencidos de que este é, "basicamente, un problema de moralidade". "Cando a unha sociedade non lle parecen condeables certas actitudes", como "non pagar o IVE ou defraudar a Facenda", esta sociedade "está optando por unha economía cun elevado índice de economía mergullada". Mentres, "cando unha sociedade percibe que este tipo de actitudes prexudica a colectividade e son condenables, o problema da economía mergullada minimízase".

A economía mergullada, por provincias (premer para ampliar) © Gestha

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.