Unha miraxe ou unha tendencia? Entre o segundo e o terceiro trimestre de 2013 a Xunta logrou reducir a súa débeda en case 300 millóns de euros, unha baixada que foi publicitada con amplitude dende a Xunta. As cifras eran para o Goberno galego a ratificación do "aumento do diferencial positivo co resto de comunidades", diferencial que, non obstante, volveu minguar a finais de ano, cando o endebedamento total volvía repuntar, aínda que rematando o exercicio con menos débeda que ao inicio. Eran, en total, 9.131 millóns de euros que no primeiro trimestre de 2014 escalaron non só por riba de todos os valores do pasado ano, senón alén de todas as cifras rexistradas na historia da Administración autonómica.
Segundo os datos publicados en días pasados polo Banco de España a Facenda galega incrementou o seu endebedamento en case un 10% nos primeiros tres meses do ano ata traspasar unha barreira que ten un aquel de simbólica, a dos 10.000 millóns de euros. Son, concretamente, 10.028 millóns de euros, 897 máis que no remate do pasado ano e sitúan a débeda galega 503 millóns por riba do inicio do 2013. Estes valores implican que actualmente a Administración autonómica debe máis do duplo dos cartos que debía cando se fixo cargo dela o actual Goberno: a finais de 2009 a débeda era de 4.842 millóns, polo que o incremento é xa do 107%.
A débeda supera os 10.000 millóns por primeira vez e aumentou un 107% dende 2009
O actual nivel de endebedamento coloca Galicia como a sexta autonomía que máis debe en termos absolutos, só por tras de Catalunya (59.729), Comunitat Valenciana (33.864), Andalucía (25.612), Madrid (24.054) e Castilla-La Mancha (12.060). Neste contexto a Xunta adoita apelar a poñer o foco non sobre o importe da débeda, senón sobre o seu peso no produto interior bruto (PIB), que permanece por baixo da media malia os sucesivos incrementos. Actualmente este indicador está no 18,2%, o décimo do conxunto das autonomías e superior aos de Extremadura (18%), Castilla y León (17,5%), La Rioja (16%), Asturias (15,9%), Euskadi (14,9%), Canarias (13,9%) e Madrid (13,1%).
Mentres que a oposición galega ve nestas cifras unha mostra de que a xestión do gabinete de Alberto Núñez Feijóo e da súa conselleira de Facenda, Elena Muñoz, dista moito de ser un emblema de eficiencia e se preguntan "para que" está a valer este endebedamento, o Goberno galego apenas varía o discurso. Así, tras saír á luz as novas cifras do Banco de España a Consellería de Facenda emitiu un comunicado no que aseguraba que "Galicia rebaixará ata finais de ano o seu endebedaemnto en 0,5 puntos e manterá o seu diferencial positivo co resto de autonomías na contorna dos 3,5 puntos".
A Xunta asegura que rematará o ano no 17,7%
Sen mencionar o traspaso, por primeira vez na historia, da barreira dos 10.000 millóns facenda asegura que "a modificación en relación ao último trimestre de 2013 débese a que Galicia presenta unha elevada execución do seu programa anual de endebedamento de 2013" e "ademais, hai que ter en conta que a Administración galega apenas rexistrou amortizacións de débeda nos tres primeiros meses do exercicio, en concreto un 2,3% fronte ao 35,4% de media das comunidades autónomas". "Durante os seguintes trimestres -di a Consellería- Galicia mellorará o seu endebedamento absoluto e porcentual" e "manterá a súa positición comparativa co resto de autonomías, porque estas terán que seguir acudindo ao recurso do endebedamento". A finais de ano, aseguran, o peso da débeda sobre o PIB será do 17,7%.