Unha marcha obreira clama contra o peche de Alcoa na Coruña

Un operario de Alcoa, durante a manifestación Dominio Público Concello da Coruña

Uha marcha obreira do persoal da planta de Alcoa na Coruña percorreu este luns a cidade, desde a factoría até a Delegación do Goberno, nunha nova protesta polo peche anunciado pola multinacional. Os operarios camiñaron durante máis de dúas horas berrando "enerxía solución" ou "Alcoa non se pecha" mentres eran aplaudidos e apoiados pola cidadanía. 

A marcha obreira de Alcoa percorreu a cidade reclamando "enerxía solución" e berrando contra o anunciado peche

Pouco antes de encamiñarse cara á Delegación, na praza da Palloza, familiares, amigos e centos de persoas recibíronos con camisetas e proclamas de apoio como o que minutos antes amosaran os bombeiros da cidade ao paso da marcha polo seu parque. Xente de todas as idades agardou a chegada dos traballadores, desde fillos pequenos con camisetas co lema "co noso fuuro non se xoga" até avós con prendas laranxas que dicían "non" ao anunciado peche e mulleres que apostaban por unha "tarifa eléctrica competitiva".  

Tamén representantes sindicais e políticos e ex-traballadores da compañía que expresaban a súa preocupación pola decisión da empresa. "O Goberno tiña que meter man; anos de subvencións para que acaben levando todo mentres imos morrendo", aseguraba un dos concentrados na Palloza baixo a chuvia que non impediu que centos --arredor dun milleiro de persoas-- se unisen á marcha até o centro da cidade. Durante ela, bengalas, bucinas e moitra proclama e emoción. Diante, os fillos máis pequenos dos afectados portaban unha pancarta na que acusaban a Alcoa de deixalos "sen futuro". 

"Imos loitar até o final, até que non quede unha gota de alento", dixo o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, que está convencido de que o persoal vai "gañar" esta loita, á que este luns uníronse polo camiño traballadores doutras industrias da comarca. 

A marcha deste luns chega xusto no día no que o comité europeo de Alcoa iniciou o proceso para denunciar a empresa estadounidense por incumprimento da lexislación comunitaria. Os representantes dos traballadores denuncian que o ERE tería que ter contado cun prazo de exposición pública e consulta de quince días antes de que se presentase de maneira firme e formal, tal e como fixo a compañía. 

O comité europeo de Alcoa iniciou este luns o proceso para denunciar a empresa por incumprimento da lexislación comunitaria ao presentar o ERE

Ademais, pola mañá, unhas 150 persoas participaron noutra marcha, neste caso na Mariña, que partiu da planta de Alcoa en Cervo e rematou no centro de Burela. Nesta manifestación, traballadores e cidadanía reclamaron medidas para a supervivencia de todas as factorías da multinacional en Galicia e Asturias. Na mobilización, ademais de representantes sindicais, tamén participaron diferentes cargos políticos da zona.

Marcha obreira do persoal de Alcoa, camiño da Delegación do Goberno da Coruña / CC-BY-SA CIG

Porque, tal e como manifestou o presidente do comité de empresa da planta de Cervo, Xosé Paleo, o persoal non está "para nada" tranquilo logo do anuncio de peche da fábrica da Coruña. Tal e como aseguran tamén desde a planta coruñesa, a estratexia da multinacional sería "dividir" os traballadores. Con todo, o representante sindical considera que "nun futuro curto, de non solucionarse o problema da enerxía", os operarios de Cervo poderían estar "vivindo unha situación semellante"

Outra marcha na Mariña reclamou medidas para asegurar a supervivencia de todas as plantas de Alcoa

Así, o manifesto lido na praza do Concello reclamou un prezo da enerxía "xusto e competitivo" a nivel europeo e lembraron que as factorías de Noruega e Islando teñen unha tarifa "tres veces máis barata" que as do Estado. 

Por outra bada, o BNG rexistrou este luns no Parlamento unha proposición de lei en materia enerxética destinada ao "abaratamento do recibo da  luz para persoas usuarias e empresas para consolidar o emprego".

En palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a proposta  responde “á estafa colectiva” da factura da luz "que debemos pagar todos os galegos e galegas que a pesar de vivir nun país que produce moita electricidade, non teñe ningún tipo de compensación” e mesmo están ante a ameaza dun ERE en Alcoa. 

O BNG rexistrou unha proposición de lei para abaratar o recibo da luz para cidadanía e empresas

A proposición de lei ten, segundo o BNG, tres obxectivos: “Abaratar o recibo da luz porque dous terzos da factura dependen de decisións políticas dos parlamentos e gobernos, un novo marco na produción eléctrica que compense a Galiza polos custos sociais e ambientais na produción enerxética, e unha tarifa industrial para as empresas electrointensivas para garantir emprego”. 

Un intre da marcha do persoal de Alcoa Dominio Público Concello da Coruña
Marcha obreira do persoal de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.