A taxa de paro feminino en Galicia, "que se duplicou no últimos cinco anos até alcanzar o 20%, sería xa do 25%" se as máis de "37.000 galegas" novas "non emigrasen" desde o comezo da crise económica en 2008. Iso é o que denunciou a CIG, logo da presentación do informe A muller non mercado laboral en Galiza elaborado pola central nacionalista con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora o próximo 8 de marzo.
"A taxa de paro feminina sería do 25% se 37.000 galegas novas non tivesen emigrado desde 2008"
Así, a CIG insiste unha vez máis en que a Xunta "non podería presumir de ter unha taxa de paro feminina máis baixa en Galicia que en España" de ter en conta eses datos que, segundo a central nacionalista "non lle interesa publicar" ao Goberno galego, tal e como criticou a responsable do Gabinete Técnico da CIG, Natividade López.
En canto ao informe, os datos aclaran que desde 2008 entre os homes a poboación activa reduciuse en 30.600 mentres que, neste momento, hai 25.900 mulleres máis en activo que hai cinco anos. Esta é unha tendencia que se mantén nos distintos grupos de idade, excepto entre a mocidade, na que tamén descende a poboación activa feminina. Malia isto, a CIG denunciou que unha "parte importante" das novas mulleres activas "pasaron a engrosar directamente as listas de desempregadas", xa que durante este período "non se creou emprego". "Concretamente, 160.000 postos de traballo, dos cales 38.700 estaban ocupados por mulleres".
O descenso de ocupación afectou a 10.800 mulleres en Galicia no pasado ano
"No último ano o descenso de ocupación afectou a 10.800 mulleres en Galicia, ou o que é o mesmo, unha media de 30 mulleres perderon diariamente o posto de traballo durante 2012", asegurou.
Do mesmo xeito, aclárase que "a destrución do emprego feminino", que é xeral, "non está a afectar igual a todos os sectores". "Comparten protagonismo na destrución de emprego feminino industria e servizos, pero aínda que no sector industrial no último ano destruíuse relativamente pouco emprego, no sector servizos a caída da ocupación foi moi elevada", asegurou López, que ve "moi preocupante" a tendencia e que destaca a "menor incidencia da crise sobre o emprego feminino, xa que, até agora, o sector servizos era o que menos emprego perdese", unha rama de actividade que ocupa a "máis do 80% das mulleres que desenvolven o traballo fóra do fogar".
Ademais, tamén se alertou dunha" perda de poder adquisitivo xeneralizada" e derivada "do empeoramento das condicións laborais e salariais tanto de homes como de mulleres". Feito que, como indicou, provoca que cada vez "un maior número de fogares" sobrevivan "grazas aos ingresos que cobran xubilados e pensionistas".
A CIG mobilízase nas cidades galegas o día 8 con motivo do Día da Muller Traballadora e o 9 apoia a Marcha Mundial das Mulleres
"As mulleres están fartas deste espolio e debido a un sistema que segue abrindo brechas entre as clases sociais e articulando unha división sexual da sociedade e do traballo que prexudica as mulleres tanto como en 1911", data na se conmemorou por primeira vez o día 8 de marzo, tal e como engadiu a secretaria da Muller da CIG, Marga Corral.
Así, a CIG decidiu levar a cabo as mobilizacións convocadas con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora baixo a lema Fartas. A central sindical levará a cabo na tarde do día 8 de marzo mobilizacións nas principais cidades galegas e sumarase aos actos convocados pola Marcha Mundial das Mulleres, entre os que destaca a manifestación que sairá da estación de tren de Santiago de Compostela na mañá do sábado día 9 de marzo.