Aforro de custos, redución de altos cargos, austeridade. Tres alicerces que sustentan a decisión do Goberno estatal de crear un macrorregulador e eliminar oito organismos públicos e autónomos. Desaparecen a Comisión Nacional de la Energía, a Comisión del Mercado de las Telecomunicaciones, a Comisión Nacional del Sector Postal, a Comisión Nacional del Juego, a Comisión de Regulación Económica Aeroportuaria, o Consejo Estatal de Medios Audiovisuales, o Comité de Regulación Ferroviaria e a Comisión Nacional de la Competencia. O Consello de Ministros aprobou este venres a unificación dos reguladores nun único ente, que dependerá do Ministerio de Economía, e que se chamará Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia. Esta decisión, que segundo a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, permitirá aforrar catro millóns de euros en salarios.
Para Unións Agrarias (UUAA) esta decisión é un "desastre" e, xa que logo, non compensa acometela para aforrar eses catro millóns de euros. Jacobo Feijóo, do sindicato agrario, "é dez veces máis devastadora que a reforma laboral". "Para nós, o sector primario, é vital", apunta, facendo unha mención particular ao caso do leite. Feijóo considera asimesmo que é unha decisión "brutal" para "os autónomos, cooperativas e pemes" que quedan, con esta unificación nun único macrorregulador, "sen defensa algunha fronte ao cártel de produtores e distribuidores".
Desregulación
Amais da incidencia directa no caso do agro, e como publicou a prensa económica especializada, non existe en toda a Unión Europea un macrorregulador que una a supervisión da enerxía, as telecomunicacións ou a competencia. O paso que vén de dar o Goberno de Rajoy enténdese xa por algúns analistas como un paso desregulador. "En Estados Unidos tamén se reduciron as competencias dos reguladores mediante a redución do persoal e o adelgazamento da súa estrutura"