Da Coruña a Santiago, 5,90 euros. Da Coruña a Ferrol, 4,15. De Santiago a Vigo, 8,45 euros. De Vigo á Coruña, 14,35. É o que terán que desembolsar os condutores e condutoras que dende este domingo realicen os seus desprazamentos por unha das principais vías de comunicación do país, a Autoestrada do Atlántico, que vén de traducir en cartos un dos múltiples efectos colaterais do último paquete de recortes do Goberno central. En 1999 o Executivo daquela presidido por José María Aznar promulgaba un Real Decreto-lei de "medidas urxentes de liberalización e incremento da competencia" e establecía que a Administración Xeral do Estado "liquidaría ás sociedades concesionarias de autopistas de peaxe", neste caso Audasa, "pola perda de ingresos" que lles supuña a baixada de tarifas do 7% que se viña de aplicar. "Esta compensación, prevista dende hai máis dunha década, atopou a súa xustificación en circunstancias impositivas que hoxe variaron, polo que non se xustifica a súa permanencia", resolve a norma aprobada hai apenas unha semana.
A viaxe entre Ferrol e Tui elévase ata os 18,90 euros para un turismo
Este precepto xenérico traduciuse este venres nunha orde do Ministerio de Fomento, que o departamento que dirixe Ana Pastor lles trasladou ás empresas que xestionan ás autoestradas e estas, pola súa banda, dispuxéronse a actualizar de inmediato as súas tarifas para que apenas mediase un día entre a fin das axudas e o traslado do custo da medida ás persoas usuarias, neste caso, da AP-9. Esta importante suba, dunha media do 7,5%, non é a primeira do ano nin tampouco será a última na vía que percorre o eixo atlántico dende Ferrol ata Tui. Non en van, no inicio deste 2012 os prezos experimentaron un incremento medio do 3,2% e a partir do 1 de setembro volverán subir como consecuencia da pasada do tipo xeral do IVE do 18% ao 21%.
Estas continuadas subas de prezos xa se están a percibir no número de vehículos que circulan cada día pola autoestrada, un rexistro que non deixou de caer nos últimos cinco anos. Así, segundo datos do propio Ministerio de Fomento en 2007 os 219 quilómetros da AP-9 rexistraban unha intensidade media diaria de tráfico de 27.029 automóbiles, dos cales 2.592 eran pesados. Un ano despois, en 2008, o número total quedou en 26.826, ao seguinte volveu baixar ata os 26.500 e en 2010 eran xa 26.395. Non obstante, o maior descenso produciuse entre 2010 e 2011, cando o desplome foi do 6,4% ou, o que é o mesmo, de 1.684 coches e camións cada día, quedando nunha intensidade media diaria de 24.711 vehículos dos que son pesados 2.166. É de prever que esta dinámica se agudice a partir de mañá, cando percorrer o eixo atlántico por Autoestrada, de Ferrol a Tui, suporá xa ter que deixar nas cabinas de peaxe 18,90 euros, no caso dos turismos, e 32,25 ou 41,20, no caso de vehículos pesados ou con remolques.