“Coa que está caendo, como non imos apoiar as manifestacións... Os recortes aféctannos a todos”. Elvira Lombao é vicepresidenta da Confapa (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) e presidenta da federación lucense. Coa súa frase resume o sentir de milleiros de cidadáns que este xoves secundarán a primeira gran mobilización contra os duros recortes do Goberno de Mariano Rajoy e que serán aprobados no Congreso este mesmo día.
Convocadas polos sindicatos, que ante a gravidade dos axustes apostaron pola unidade de acción, as protestas deste xoves á tarde prometen ser multitudinarias en Galicia e no Estado. As propias centrais chaman a toda a sociedade a amosar na rúa o seu rexeitamento ás últimas medidas do Goberno, uns axustes que afectan a todo tipo de colectivos. A diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses, o incremento do IVE, a supresión da paga extra de Nadal aos empregados públicos, a delimitación da prestación de servizos por parte dos concellos, a liberalización do sector servizos, a privatización do transporte ou a flexibilización dos horarios comerciais semellan -unidos a anteriores recortes- razóns suficientes para que as prazas sexan un clamor. A indignación acumulada de millóns de cidadáns parece chegar a un límite e abrangue xa a todo tipo de xente.
A indignación acumulada da cidadanía abrangue xa a calquera tipo de colectivo
De aí que sexan moitos os colectivos, asociacións ou profesionais que chamen a saír á rúa este venres. Por suposto, as asociacións de pais de alumnos. “Ás familias cáennos por todos lados; a nós aféctannos os recortes en educación, pero tamén os que afectan aos funcionarios, aos autónomos, á sanidade... Todos sufrimos estes axustes”, insiste Elvira Lombao, que amosa o seu enfado coa situación ao igual que María Barreiro, voceira da Plataforma de Afectados pola Preferentes do Morrazo e que representa como poucos a impotencia de quen ve como os gobernos “deixan tirados aos estafados para apoiar aos bancos”.
"Aos pais cáennos por todos lados; aféctannos os recortes en educación, pero tamén os demais"
“Por suposto que apoiamos as manifestacións porque van na liña do que nós mesmos reivindicamos”, engade Barreiro, que contrapón “as axudas desmesuradas aos bancos e os recortes brutais” coa “falta de apoio” aos afectados pola estafa das preferentes. “Toda as protestas deben unirse porque no fondo estamos loitando polo mesmo”, asegura, tras aclarar que “a vía xudicial é xa a única esperanza” que lles queda para a resolución do seu problema.
Os afectados polas preferentes contrapoñen "as axudas desmesuradas aos bancos" coa "falta de apoio" aos estafados
As plataformas a prol da sanidade pública non son menos. A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, na que se integra a galega SOS Sanidade Pública, veñen de facer un chamamento aos profesionais sanitarios para que acudan “masivamente” ás manifestacións convocadas polos sindicatos, xa que son “a resposta lexítima a un Goberno que non só quere afundir o país, senón desmantelar os servizos públicos básicos e privatizalos”.
As plataformas en defensa da sanidade pública ven nas protestas "a resposta lexítima a un Goberno que só quere afundir o país"
Médicos, profesores, funcionarios... E tamén autónomos, que ven como estes últimos recortes aprobados polo Executivo lles afectan especialmente. Así, Rafael Granados, presidente de ATA-Galicia (Asociación de Traballadores Autónomos) entende tamén que “as medidas son moi dolorosas para todos”. Tamén para o colectivo que representa porque “van en contra das promesas de apoio e tamén dese emprendemento que querían promover”. Malia todo, apoia as protestas, aínda que entende que “calquera cese de actividade” é “prexudicial” no momento actual.
Por outra banda, os xornalistas tamén amosan o seu rexeitamento aos axustes. O Sindicato de Xornalistas de Galicia e a e a federación á que pertence -Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP)- asegura nun comunicado “rexeitar rotundamente” os recortes e “chama a participar nas mobilizacións convocadas” nas principais cidades e vilas de Galicia. Para este sindicato, as medidas “supoñen a maior agresión cometida xamais contra os dereitos dos traballadores e superaron de sobra o triste récord que logrou o Executivo do PP coa lamentable reforma do mercado laboral”.
En definitiva, son poucos os colectivos que non amosen un motivo para se manifestar contra os últimos e duros recortes do Goberno de Mariano Rajoy. Os convocantes, os sindicatos, agardan un apoio masivo. Eles apostaron pola unión. A sociedade, desta vez, parece que tamén.