Adianto en defensa propia

  • Editorial
Reunión do Consello da Xunta que abordou o adianto electoral ao 5 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Máis que perder o tempo en disquisicións sobre os motivos –expresos ou presuntos– que levaron a Feijoo a coller a roda vasca do Lehendakari Urkullu para aprobar o Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións para o vindeiro día 5 de abril, o que máis nos debe preocupar á cidadanía galega é a definición do novo panorama politico que con carácter inmediato se abre para o país neste apaixonante 2020.

Outra volta, o presidente Feijóo xoga coa vantaxe de xestionar os tempos electorais que lle confire a competencia exclusiva de chamar ás urnas. Desta volta o adianto electoral é o máis severo posible. Situar as eleccións o 5 de abril descoloca moitas previsións e acelera os tempos ao servizo dos intereses do Partido Popular.

Tras o desgaste das políticas aplicadas durante os anos da crise e cun impulso político e lexislativo cada vez máis cativo alén da grandilocuencia do aparello de San Caetano, Feijóo aposta todo á carta que tan ben lle saíu en 2016

Nun contexto desfavorable, coa aparición de potentes ofertas de dereitas alén da súa propia marca, co desgaste das políticas aplicadas no país durante os anos da crise económica e cun impulso político e lexislativo cada vez máis cativo alén da grandilocuencia do aparello de San Caetano, Feijóo aposta todo á carta que tan ben lle saíu no ano 2016: coller a parte da oposición nas patacas, enleada nas súas hamletianas dúbidas de hoxe, onte e sempre.

Sendo a división sociolóxica e electoral entre dereita e esquerda tan axustada, o éxito de Feijoo reside en manter cohesionado o voto da dereita. E ao tempo, explotar con mestría as feblezas e inconsistencias ideolóxicas e organizativas da esquerda galega.

Boa parte dos esforzos tácticos do PP residen en agudizar as contradicións que fagan perder unha eventual maioría á esquerda; e non hai espazo máis propicio para exploralas que o da coñecida como esquerda rupturista

O Partido Popular é consciente de que as forzas políticas tradicionais da esquerda, PSdeG e BNG, están á alza nas proxeccións de voto, impulsadas polo contexto dos procesos electorais do 2019 e por teren carteis electorais claros e internamente indiscutibles. Vox segue a medrar tamén; e isto constitúe un desafío maior, pois canto máis radicalice o discurso para neutralizar a fuxida de votos a Vox, máis abandonará o centro político. De aí que boa parte dos esforzos tácticos do Partido Popular residan en agudizar as contradición que fagan perder unha eventual maioría absoluta ao espectro da esquerda.

Non hai espazo máis propicio para explorar esas contradicións que o da coñecida como esquerda rupturista, herdeiro das fórmulas electorais de AGE en 2012 e En Marea en 2016. O impulso político gañado por Unidas Podemos coa súa parcería do goberno do Estado corre o risco de ficar neutralizado en Galicia por carecer de candidatura, programa e perímetro inclusivo (Anova, Compostela Aberta, Marea Atlántica...) a apenas mes e medio dos comicios. 

Unha vez máis, este espazo vese obrigado a traballar contra o reloxo na configuración da súa oferta electoral, tal e como aconteceu en xullo do 2016, con resultados ben coñecidos. Ao tempo, os que puideran ser os restos con maior potencial do naufraxio de En Marea corren o risco de experimentar un destino politicamente tráxico: ter que presentarse en solitario por non atopar confluencia posible, con poucas posibilidades de superar a fatídica barreira do 5% nun contexto tan propicio para o voto útil. Unhas e outras formacións corren ademais o risco adicional, de darse o caso, de seren sinaladas como responsables dunha fragmentación da esquerda que facilite unha cuarta maioría absoluta ao PP.

Os prazos legais deixan escasos días para ver o grao de xenerosidade, responsabilidade e visión de futuro dos que demandan a confianza da cidadanía galega para tomaren as rendas do país e aplicar nel un proxecto político alternativo ao da década de Feijóo

Sexa como for, os prazos legais deixan escasos días para configurar as ofertas políticas que estarán nas urnas do 5 de abril. Tamén para ver o grao de xenerosidade, responsabilidade e visión de futuro dos que demandan a confianza da cidadanía galega para tomaren as rendas do país e aplicar nel un proxecto político alternativo ao da década de Feijóo.

Alén da configuración de candidaturas e programas, vén de abrirse tamén outro tempo para os medios de comunicación democráticos do país. O tempo no que a prensa en todos os soportes debemos xogar o papel de garantes – non únicos, pero sí esenciais – dun xogo electoral limpo. Todo, nun momento no que, de conformidade co artigo 50.2 da LOREX, quedou xa prohibido que os poderes públicos organicen directa ou indirectamente actos para promocionar logros obtidos, tales como inauguracións ou campañas de autobombo. Será tamén especialmente importante velar polo respecto do actual Goberno aos límites do Executivo en funcións marcados na vixente lei de transparencia e bo goberno, máis aínda por celebrarse as eleccións cun Orzamento da Xunta practicamente a estrear.

Só así poderá manterse a marxe de manobra para que o goberno que saia da constitución do novo Parlamento o vindeiro 5 de maio tome decisións políticas con plena lexitimidade democrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.