O BNG de Compostela pide a dimisión do alcalde, Gerardo Conde Roa, logo da querela que a Fiscalía vén de realizar contra el por un delito contra a Facenda Pública ao non declarar preto de 300.000 euros. "Cada hora que pasa sen que dimita, págao Santiago", di o Bloque.
Fálase
O FMI reclama a España que manteña o "esforzo da reforma" para poder así superar os "severos" desafíos aos que se enfronta, segundo o voceiro do Fondo Monetario Internacional, Gerry Rice.
O PSdeG denuncia que a campaña publicitaria da Xunta contra os incendiarios é "unha manobra de distración para tapar a ineptitude do Goberno de Feijóo en materia de prevención". Os anuncios apareceron hoxe na prensa e nas emisoras de radio galegas.
O Finnancial Times critica con dureza os Orzamentos do Goberno central no seu editorial. "En lugar de reducir a factura estatal e eliminar gastos administrativos, recortouse o gasto en investigación e desenvolvemento, o motor da recuperación", asegura, ademais de recordar que o soldo dos funcionarios "apenas se conxelou".
Fútbol. A galega Mari Paz Vilas marca sete goles na vitoria da selección española feminina ante Kazajstán (13-0). Outra galega, Verónica Boquete, marcou dous e é a máxima anotadora da fase de clasificación para o Europeo.
O Consell de Garanties Estatutàries da Generalitat declara que a reforma laboral vulnera a Constitución. O órgano consultivo considera inconstitucional como mínimo dous artigos do decreto lei, o 12 e o 14, e engade que algúns aspectos invaden competencias autonómicas. Máis info en Vilaweb.
O PP vasco teme unha "declaración unilateral de independencia" en Euskadi. O presidente dos populares de Gipuzkoa, Borja Sémper, non descarta que, logo das vindeiras eleccións autonómicas, PNV e a esquerda abertzale se unan no obxectivo independentista.
Os mercados non dan tregua. A prima de risco supera os 400 puntos por primeira vez desde decembro. Nin as duras reformas do Goberno de Rajoy convencen aos investidores.
Sarkozy advirte que unha vitoria do socialista Hollande nas eleccións francesas do vindeiro 22 de abril conduciría o país a unha situación económica "digna de España e Grecia".
O suicidio dun xubilado pola crise reaviva os disturbios en Grecia. O farmacéutico de 77 anos pegouse un tiro na cabeza a poucos metros do Parlamento en hora punta; afogado polas débedas, levaba unha nota no peto na que culpaba ao Goberno de "aniquilar calquera esperanza de supervivencia".