Mónica G. Prieto analiza en Periodismo Humano a evolución e claves do conflito sirio, nunha peza acompañada de imaxes de Manu Bravo, Premio Pulitzer 2013. A xornalista recolle as visións dos refuxiados sirios no Líbano, que conclúen que “se EEUU intervén será na procura dos seus intereses”.
Fálase
Este sábado finaliza Seara.mov, certame internacional de curtametraxes e videoclips de baixo custe, que se vén celebrando en Vigo, detrás do Marco, dende o xoves. A partir das nove da noite proxectaranse os finalistas e entregaranse os premios aos gañadores.
Triángulo de Amor Bizarro pecharán a primeira xornada de concertos no #sinsalsansimón, que continuarán mañá domingo. A illa encheuse para asistir a dez concertos, e tamén a dúas mesas de debate, sobre Muller e cultura: representación e diferenza e Repúblicas do minúsculo: cultura a escala.
Este sábado a partir das 20.30 inaugúrase na Coruña Casa Tomada. Centro Social de Intervención Artística, un novo espazo social de cultura, arte e ocio creativo na cidade, situado na Estación de Tren.
Este sábado celebrouse na Encrobas a homenaxe popular a Moncho Valcarce e entregáronse os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugris Rodríguez e ao Museo do Pobo Galego, respectivamente.
As remeiras da embarcación de Mecos adestraron este sábado na Baía de Donostia preparando a primeira xornada da final da Kontxa, que se celebrará este domingo.
Pachi Vázquez propón "un acordo entre todos" para rematar co desastre dos incendios forestais. O secretario xeral do PSdeG esíxelle a Feijóo "que deixe de mentir aos galegos dicindo que a campaña do lume vai ben" e reclámalle que promova "unha nova Lei de Montes desde o consenso de todas as formacións parlamentarias", unha lei "que, ao contrario da actual, servira para facer rendible o monte e favorecera a prevención".
Vén de ser extinguido o incendio que onte pola noite se declarou en Muros, e tamén foi desactivado o nivel 1 de alerta no lume de Boiro. Segue activo e sen control o incendio de Navia de Suarna, nos Ancares.
Está xa en marcha o Festival Sinsal San Simón, na primeira das súas dúas xornadas. O cartaz, segredo até o mesmo comezo dos concertos, inclúe a Caxade, Germán Díaz, Gravenhurst, Stealing Sheep, Denis Jones, Le Parody, Baden Baden e Triángulo de Amor Bizarro.
Putin cualifica de "absoluto disparate" as acusacións de EE UU a Siria. O presidente de Rusia insta a Washington a que presente ante o Consello de Seguridade da ONU as probas que manexa do suposto ataque químico.