Continúa a ser criticada a cobertura realizada por TVE. O Canal 24 horas tardou dúas horas en ofrecer a noticia e nos primeiros momentos sen imaxes do accidente.
Fálase
As portadas da prensa de todo o Estado están monopolizadas pola traxedia de Compostela
Veñen de coñecerse os datos da Enquisa de Poboación Activa. O número de desempregados diminúe en 225.200 persoas no segundo trimestre, até os 5.977.500. A ocupación aumenta en 154.800 persoas nos servizos e en 37.500 na agricultura. Pola contra, descende na construción en 26.500 e na industria en 16.800. O número de activos descende en 76.100. Galicia é unha das tres únicas comunidades autónomas nas que crece o paro: un 0,26%.
A Xunta convocou unha reunión extraordinaria do seu Consello para este xoves, segundo vén de anunciar Alfonso Rueda. O Concello de Santiago celebra tamén un pleno extraordinario dende as 9.30.
O maquinista admitiu, atrapado na cabina e a través da radio, que o tren superou o dobre da velocidade permitida e que tomou a curva a 190 quilómetros por hora. A liña onde se produciu o accidente non está dentro do ERTMS (European Rail Traffic Management System), un sistema de xestión do tráfico ferroviario que impide que un tren rebase a velocidade máxima establecida ou non obedeza os sinais que indican parada
Alberto Núñez Feijoo fala na TVG da posibilidade de que sexan 56 os falecidos. E sitúa en 111 os feridos, cunha vintena cun estado máis grave.
Comezan a barallarse as primeiras explicacións técnicas ao sucedido. Vilaweb publica que "o tren era un comboi mixto con alimentación eléctrica pero tamén con motor diesel" e que ese motor puido estoupar. Outros comentarios engaden outras posibilidades
As redes sociais comezan de encherse de lazos, bandeiras, estrelas e imaxes en negro a xeito de avatar en solidariedade coas vítimas. Recoméndase non empregar o móbil pois as redes atópanse colapsadas en Galicia.
Estase achegando moita xente a doar sangue ao Centro de Transfusión do Monte da Condesa (Campus Sur). Forman xa unha fileira no exterior do centro. Necesítase sangue do grupo cero negativo.
O Ministerio do Interior descarta oficialmente a hipótese dun atentado. Un voceiro de interior afirmou a Efe que "se trata dun accidente e que non caben polo tanto outras hipóteses sobre as causas". Testemuñas afirman que a máquina viaxaba moi rápido e ao chegar á curva da Grandeira un dos vagóns saltou polos aires. En calquera caso, descoñécense as causas concretas do sinistro.