A contaminación reiterada desaconsella bañarse en 40 praias de Galicia

GRÁFICO INTERACTIVO | Praias nas que non se recomenda o baño en 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Sanidade analiza a auga de máis de 500 praias marítimas e fluviais e considera “insuficiente” a calidade de 21 para este 2017. Outras 19 xa nin son consideradas zonas de baño pola súa contaminación aínda máis duradeira.

Cada ano a Consellería de Sanidade, segundo obriga a normativa comunitaria, analiza de xeito periódico o estado da auga de máis de 500 zonas de baño tanto marítimas como fluviais en toda Galicia. A comezos de cada temporada estival fai público o seu informe correspondente ao ano anterior, que é o que establece as recomendacións de non bañarse para o ano en curso. Este ano son 40 as praias de toda Galicia nas que Sanidade desaconsella o baño por niveis elevados de forma reiterada de enterococos intestinais e Escherichia coli.

Porén, desas 40 praias nas que é mellor non bañarse, 18 (14 marítimas e 4 fluviais) xa nin son consideradas zonas de baño pola súa contaminación reiterada. Segundo os criterios comunitarios, se unha zona de baño é clasificada como de calidade insuficiente durante cinco anos consecutivos, é eliminada do censo oficial e só pode volver incluírse nel se as administracións levan a cabo nelas “actuacións que demostren unha melloría significativa na calidade da auga”. Así, as praias marítimas eliminadas do censo oficial de zonas de baño son as de Penaoural (Burela), Caranza e A Cabana (Ferrol), Barallobre (Fene), Centroña e Ver (Pontedeume), Regueiro (Bergondo), Santa Cruz Porto (Oleiros), Ría de Barrañán (Arteixo) -no extremo oeste da praia de Barrañán, en cuxa parte máis oriental si se permite o baño-, Camelle e Area da Vila (Camariñas), Sardiñeiro (Fisterra), A Concha (Cee) e Peralto (Boiro). Canto ás praias fluviais, son as do río Saa (Pobra de Brollón), San Clodio (Ribas de Sil), A Bola (na zona recreativa do Río Orille) e río Arzoá (Vilardevós). Ademais, Sanidade xa advirte de que a estas 18 praias que xa non están no censo se sumará o ano próximo a de Testal-Taramancos, en Noia, polos seus malos resultados de anos anteriores.

Ademais destas 19 praias que xa nin se teñen en conta como zonas de baño, outras 21 (12 marítimas e 9 fluviais) están clasificadas para este 2017 como de calidade sanitaria “insuficiente” en función dos malos resultados obtidos nos últimos anos. Son as marítimas de A Concha (Cariño), Gandarío (Bergondo) -neste caso, a praia conta con dous lugares de mostraxe e os dous son negativos-, Delicias (Sada), Arnados-Razo (Carballo), Lires e Estorde (Cee), Virxe do Camiño (Muros), Testal-Taramancos (Noia), Raxó (Poio), Agrelo (Bueu), Sobreira (Moaña), Arealonga (Redondela) e A Foz (Vigo). Nos ríos, Sanidade considera de calidade insuficiente as praias do Tambre en Niñáns (Boiro), o Furelos (Melide), o Eume (As Pontes) -nunha localización non identificada pola Xunta-, o Rois en Seira (Rois), o Neira (Baralla), o Chamoso (O Corgo), o Parga (Guitiriz), a praia do Coiñedo no embalse da Veiga e a do Támega en Verín.

“É necesario que os concellos promovan actuacións para mellorar a calidade da auga das zonas de baño con clasificación sanitaria insuficiente”, sinala Sanidade

Malia a deficiente situación destas 40 praias, o informe de Sanidade tamén reflicte un progresivo incremento nos últimos anos do número de zonas de baño con calidade excelente e unha paralela redución das áreas con calidade insuficiente. Segundo as súas conclusións, dos 505 puntos de mostraxe analizados por toda Galicia, un 73,9% presentou unha calidade excelente, o 15,4% boa, o 6,1% suficiente e o 4,6% insuficiente. Sanidade remata lembrando que “é necesario que os concellos promovan actuacións para mellorar a calidade da auga das zonas de baño con clasificación sanitaria insuficiente”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.