A dificultade de ir á praia sen roupa

Imaxe tirada nun areal nudista en Asturias CC-BY-NC miss_ohara

Lumebo, Barrañán, Niñóns, Morro, Baroña, Bastiagueiriño, Castiñeira, Abelleira, Canelas, Con do Corvo, Agueira, Barreiro, Bascuas, Barra, Donón, Sartaxens, Melide, Figueiras, San Martiño, Os Alemáns, Portonovo, Caolín... Galicia conta cun bo número de areais nos que dende hai anos son centos as persoas que practican o naturismo. Barrañán-Combouzas no norte, Baroña no centro e Barra ou Bascuas no sur son se cadra as máis coñecidas, as meirandes e aquelas nas que, polo de agora non xorden excesivas dificultades para a práctica do naturismo. Porque dificultades hainas: dende concellos que aproban regulamentacións para prohibir ou limitar esta práctica, até a propia presión dos textiles, sobre todo en xullo e agosto, ocupando aqueles escasos areais empregados polos nudistas, e mesmo esixíndolles "recato" e bañador.

Falamos destas praias como habituais para a práctica do nudismo, pero iso non significa só neles estea permitido, e que nos restantes exista unha prohibición. En realidade o nudismo está permitido, en principio, en todas as praias. Outra cousa é que nos últimos anos algúns concellos: Barcelona, Valladolid, Cádiz..., publicasen regulamentos (en proceso de discusión noutras instancias) na súa contra. A lexislación foi evolucionando: se as leis franquistas perseguían a desnudez, a partir dos anos oitenta as prohibicións foron desaparecendo das distintas normativas, coma a Lei de Costas de 1988, non indica nada ao respecto. Todo se fía aos regulamentos municipais, pero o Tribunal Supremo ditaminou que só por lei se poden regular derechos fundamentais e non a través de ordenanzas municipais.

Este posicionamento do Supremo quedou claro este mesmo ano, rexeitando a prohibición do uso do veo islámico que oculta o rostro nos lugares públicos decretado polo concello de Lleida e que fora avalada polos tribunais cataláns. A sentenza baseábase no artigo 16.1 da Constitución que di: "garántese a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos" e o Supremo concluía que a regulación do burka, en todo caso, se debería regular por unha Lei Orgánica, pero nunca por unha ordenanza. Os colectivos naturistas lembran que o nudismo está recoñecido como unha ideoloxía, e que a súa manifestación externa é a nudez. E fan referencia á xurisprudencia do Supremo, que deixa claro que non hai diferenzas entre ideoloxía e relixión en canto ao artigo 16 da Constitución se refíre. O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya deulle a razón ao concello de Barcelona na súa prohibición expresa do nudismo na cidade, pero a nova xurisprudencia creada polo Supremo fai prever que a norma barcelonesa tamén será anulada antes ou despois.

 

Conflitos en Galicia

A presión dos téxtiles é cada vez maior, sobre todo en xullo e agosto, e é habitual que, por exemplo en Baroña, invadan os poucos espazos nos que os nudistas poden acudir á praia sen problemas

Baroña é todo un símbolo do naturismo en Galicia dende os anos setenta e o movemento dos tetiñas free. Dende entón converteuse nun dos espazos máis habituais para a práctica do nudismo. A presión dos téxtiles é cada vez maior, sobre todo en xullo e agosto, e é habitual que, por exemplo en Baroña, invadan os poucos espazos nos que os nudistas poden acudir á praia sen problemas. Periodicamente aparecen nas rochas que dan acceso ao areal pintadas que lembran a tradición naturista de Baroña.

A Federación Española de Naturismo lembra decote que o nudismo non está prohibido, e que non é necesario que un Concello delimite un areal en particular para a práctica do naturismo para que esta práctica sexa legal. De feito, mesmo rexeitan esta sinalización, porque podería dar a impresión de que o feito de permitir o nudismo nunha praia dun concello implica a prohibición nas restantes. Decote prodúcense polémicas entre os nudistas e os textiles, sobre todo polas dificultades que atopan os primeiros.

En xaneiro O Grove anunciaba unha “ordenanza reguladora do uso das praias” que prevía multar os que practicasen o nudismo. No texto penalizábase “a práctica do nudismo nas praias que teñan a consideración de urbanas e nas praias non clasificadas ou sinalizadas para este uso”. E engadía que “poderase practicar o nudismo sempre e cando exista unha zona habilitada e sinalizada para iso”.  O anuncio espertou numerosas protestas, e o alcalde da localidade asegurou ao día seguinte que o Concello habilitaría praias e zonas para os nudistas. E na mesma semana, no marco da polémica xerada, o concelleiro Fredi Bea aseguraba que “imos potenciar as praias nudistas do Grove para que sexan recoñecidas en Galicia e en España”. O Grove conta con varios areais nos que a práctica do naturismo é habitual dende hai anos: Castiñeira, Abelleira, Canelas, Con do Corvo, Agueira, Barreiro...

A rectificación do Concello de Arteixo viña dicir que non se vai prohibir o nudismo en ningunha praia do termo municipal, onde se sitúa o areal de Combouzas, empregado dende hai anos para practicar o naturismo

De igual xeito en 2012 o Concello de Arteixo anunciou unha ordenanza de praias que prevía sancións e multas de até 1.500 euros a aquelas persoas que practicasen o nudismo fóra das zonas delimitadas para iso. Porén, este mes de xullo o Goberno local rectificou este punto. Foi considerada unha gran vitoria do movemento naturista, celebrada en todo o Estado. A rectificación do Concello viña a dicir que non se vai prohibir o nudismo en ningunha praia do termo municipal, onde se sitúa o areal de Combouzas, empregado dende hai anos para practicar o naturismo. 

Praia de Baroña CC-BY xornalcerto
Praia de Combouzas, en Arteixo CC-BY jl.cernadas
Praia de Viñó, en Cangas CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares, Cangas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.