O pasado xuño Os da Ría iniciaban unha aventura. O dúo cómico e musical formado por Arturito Puy e Fabián Santomé, alter egos de Carlos Meixide e Tomás Lijó, lanzábanlle un reto ao seu público: que os axudasen a plasmar nunha obra discográfica, o Disco díscolo, "toda unha vida de xites". "Levamos dous ans" de xira "de despedideira e e o contáctolo direuto con o púbrico enchereleunos de ledicia e de enerxívia", explicaba daquela Fabián (Tomás Lijó) para Praza Pública en perfecto "galegueiro". Pero "deprocatámonos que a xenteliña botaba en fáltola poder escoitarelar os grandes xites de toda unha vida en os seus chaleises, caseliñas de campo ou de vacacións, ou nos seus audis". Para iso cumpría un disco e para gravalo cumprían 5.000 euros. O reto está máis que cumprido e o disco xa é unha realidade.
Avalados por unha morea de coprodutores e coprodutoras, Os da Ría amosarán o resultado da súa aventura discográfica cun concerto no centro sociocultural da Ramallosa, en Teo, o espazo que dende hai meses ten como compañía residente a Chévere ou, o que é o mesmo, á alma da Sala Nasa, a mesma na que Lijó e Meixide, Fabián e Arturito, deron os seus primeiros pasos no mundo da escena. Quen acuda ao recital gozará dunha boa ración de retranca "galegueira" con temas clásicos do grupo como Infanta Elena, A conga de Uxío Novoneyra ou Miguel Delibes, agora con arranxos musicais aos que se incorporan, por exemplo, as voces d'O coro da ra ou unha boa sección de vento-metal. Xunto a eles soarán cancións inéditas (ou case) como Fernando Ónega ou Se me dan a escoller un bon viño.
Os da Ría presentan o seu disco cun concerto en Teo, onde Chévere é compañía residente
Pero quen non poida achegarse ao concerto si pode gozar da música e do particular universo d'Os da Ría a través do seu disco, xa á venda en diversos locais e esta fin de semana tamén no Mercado da Estrela que se celebra en Compostela. Cunha coidada edición e deseño de Logoferoz, ademais do CD no Disco Díscolo pódese consultar a fantasiosa discografía do grupo, discos que nunca existiron pero que conforman todo un universo imaxinario. Segundo esta cronoloxía a carreira de Arturito e Fabián comezou en 1978 con Caramba que guapa estás, que incluía temas como Está tutto? ou Goces ceives. Despois viñeron traballos -é de supoñer que en versión long play- como Dame unha chucha (1985), Rebeldívia (1994) ou Deputación de Lugo (2002).
Quen decida que o Disco díscolo é un bo agasallo de Nadal pode completalo mercando a versión "paque", que inclúe unha caixa de viño Senlleiro, denominación elixida por ser a última palabra que Domingos García Sabell incluíu no dicionario da lingua galega. "Dentro do seu universo, Arturito e Fabián terían investido parte da súa fortuna en viñedos", explican. Non en van, en cada concerto escoitan en innumerables ocasións o seu berro preferido: "Os da Ría, alegría!".