Melide acolleu este sábado e domingo a 32ª edición da Festa do Melindre, unha cita que ben pode ser considerada "a festa máis doce de Galicia", como reclaman os seus organizadores
Melide acolleu este sábado e domingo a 32ª edición da Festa do Melindre, unha cita que ben pode ser considerada "a festa máis doce de Galicia", como reclaman os seus organizadores, e na que se venderon milleiros de melindres, ricos e amendoados, os tres produtos clave da celebración. Con 35 stands e unha ampla programación na que non faltou a música nin as actividades para nenos e nenas (o Melindriño), algunha das casas melindreiras superou os 10.000 ovos consumidos, superando mesmo á edición do ano pasado.
Se na xornada do sábado destacou o concerto da cantautora MJ Pérez, Premio Martín Códax da Música (2021) na categoría de canción de autor, o domingo a música multiplicouse polos distintos espazos da festa cos concertos de Uxía Lambona e a banda molona, que encheu de nenos e familias o Espazo Melindre, na praza do Convento, e a fin de festa con Luar na Lubre, no Espazo Rico, na praza das Coles, tamén ateigada.
Con 35 stands e unha ampla programación na que non faltou a música nin as actividades para nenos e nenas (o Melindriño), algunha das casas melindreiras superou os 10.000 ovos consumidos, superando mesmo á edición do ano pasado
O evento contou co pregón de Marcial Mouzo, popular comunicador, presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996. Ademais de dar o pregón que abriu a festa, Mouzo foi proclamado como un dos novos embaixadores e embaixadoras do melindre, recibindo o seu correspondente pin e diploma de mans do alcalde de Melide, José Manuel Pérez.
O evento contou co pregón de Marcial Mouzo, que destacou que xa viña facendo a labor de embaixador desde hai anos, porque “sempre que tiven a oportunidade de por en valor os doces de Melide, fíxeno coma un melidense máis”
O pregoeiro, emocionado, destacou que xa viña facendo a labor de embaixador desde hai anos, porque “sempre que tiven a oportunidade de por en valor os doces de Melide, fíxeno coma un melidense máis” e definiu os melindres, ricos e amendoados, como “unha delicia para o padal e unha sobremesa que nunca debe faltar en ningunha mesa”.
Tamén foi proclamado Paco Veiga, quen prometeu exercer o cargo de embaixador con dignidade no seu nome e no nome da asociación de xogo popular e tradicional e outras asociación nas que participa o Museo Terra de Melide.
Interveu no acto Jose Manuel Pérez, alcalde de Melide, que destacou que o lema escollido para esta edición, 'Corazón doce', "súmase ao de 'O cerne de Galicia', lema polo que se nos coñece a Melide"
Interveu no acto Jose Manuel Pérez, Alcalde de Melide, que destacou que “hoxe domingo doce estamos celebrando a nosa festa máis doce”. O rexedor subliñou, ao respecto do lema escollido para esta edición, que "se o ano pasado falabamos do 'Mar de doces' que temos en Melide cun espot que fixemos de 'Melide ten mar' (M de melindres, A de amendoados e R de ricos) este ano 2024 como vedes no cartel e nos programas, a festa desenvólvese baixo o eslogan 'Corazón doce' que vedes aquí diante en forma de melindre, ou máis ben o melindre que adopta a forma do corazón, eslogan que se suma ao de 'O cerne de Galicia', lema polo que se nos coñece a Melide"
A pasada semana, ademais, como previa á propia festa, tivo lugar na cidade da Coruña unha novidosa iniciativa levada a cabo por vez primeira polo Concello de Melide: a degustación de melindres, ricos e amendoados, tres doces tradicionais típicos da comarca, nos restaurantes Nado, Bido e Pulpeira de Melide, todos embaixadores da festa.