A procura dun físico canónico enche os ximnasios malia a crise

Lorenzo Blanco, monitor nun ximnasio © Óscar Pinal

A procura da beleza foi unha constante na peripecia vital do home e da muller. Non sempre estivo ligada ao benestar pero si a uns prototipos previamente deseñados nalgúns casos polas disciplinas artísticas, por iconas da sociedades e máis tarde pola publicidade e os medios de comunicación. O home e a muller moderna son pois aqueles que cumpren cuns canons que se desenvolven dentro dos parámetros do capitalismo e que levan asociados valores como o poder dos cartos e o coidado da imaxe. En datos concretos estas afirmacións tradúcense nunha obsesión permanente por prolongar a xuventude e manter a figura dun xeito disciplinado.

De aí que a situación do negocio de ximnasios e escolas deportivas sexa boa e rexistren constantes repuntes aínda nunha época de crise. As matrículas en centros deportivos públicos e privados medran ano tras ano e nalgúns casos como no Pavillón dos Remedios, situado no centro de Ourense, o número de abonados é de 5.000 persoas. Noutras cidades do país a situación é parecida. En Vigo, por exemplo, non hai prazas en moitas das instalacións municipais.

As matrículas en centros deportivos públicos e privados medran ano tras ano e nalgúns casos como no Pavillón dos Remedios, situado no centro de Ourense, o número de abonados é de 5.000 persoas. En.Vigo non hai prazas en moitas das instalacións municipais.

Nos concellos son conscientes desta demanda e por iso o propio edil de Deportes do concello de Ourense, Fernando Varela, indica que “tratamos de pór prezos razoables e economicamente ao alcance de todos os petos”. Varela explica que hai abonos mensuais, semestrais e anuais que “abaratan o custe das actividades deportivas e adáptanse a todas as necesidades”.

Unha testemuña directa desta afección ao deporte é Lorenzo Blanco, monitor de distintas especialidades deportivas. O adestrador confesa a Praza que o rango de idades é moi amplo e sostén que “agora xa non só vén facer deporte a xente nova, senón xente maior que quere estar ben e mellorar a súa condición física”. O monitor entende que “cando se fai deporte e se traballa dun xeito adecuado todo o mundo pode mellorar e todo o mundo pode ter resultados”.

“Agora xa non só vén facer deporte a xente nova, senón xente maior que quere estar ben e mellorar a súa condición física”

Porén, Lorenzo Blanco explica que “non hai que confundir o desexo de mellorar a condición física cos excesos, que son contraproducentes para saúde e discutibles dende o punto de vista estético”. O profesor indica que “non sempre se dá unha relación adecuada entre saúde e beleza, xa que hai canons de beleza que non son os máis saudables e están creados polos medios de comunicación ou por determinadas campañas publicitarias pouco rigorosas”.

A pesar de que os excesos sempre os houbo e haberá, nos últimos anos Lorenzo Blanco observa “unha alza das prácticas saudables en detrimento de exercicios que provocan hipertrofia muscular que repercuten na axilidade e que pode derivarse en problemas óseos”.

 

Inicio da práctica deportiva

Á hora de iniciarse no deporte convén comezar, segundo os especialistas, polos “exercicios naturais”. Trátase de recoñecer o corpo para logo poder sacarlle proveito, di Lorenzo Blanco. Unha boa táboa de exercicios é a que comeza por traballar “as escápulas e o solo pélvico ou lumbar”. Neste sentido a práctica do pilates é unha boa opción: “Practícase a respiración, gañase en forza e resistencia co paso do tempo e sempre coa axuda dun monitor”.

A hora de iniciarse no deporte convén comezar, segundo os especialistas, polos “exercicios naturais”

Outra das disciplinas de moda é o ciclo indoor. Montados nunha bicicleta estática e a forza de adestrar mellórase a forza e a resistencia. É un deporte onde as lesións practicamente non se producen e que está ao alcance de todas as persoas ao haber distintos niveis.

Tamén segue recorréndose moito a tonificación muscular. Para Lorenzo Blanco, este é un segundo nivel “xa que cómpre coñecer ben o corpo, facer ben os movementos e non cometer erros que poidan derivar nunha lesión”. De aí que a observación dun monitor sexa necesaria para non “experimentar e provocar lesións nas costas ou noutras partes sensibles”.

Ademais dos exercicios individuais, a práctica de actividades deportivas é moi recomendable. Lolo Domínguez, monitor na piscina dos Remedios en Ourense, entende que “a natación é un exercicio moi completo tanto para o tren superior como inferior”. Ademais Lolo, que imparte cursiños de natación, asegura que “en todas as idades se poden conseguir avances unha vez dominada a técnica”. Lolo aclara: “Non é cuestión de moitos meses e cuestión de gañas, disciplina e interese”.

Os expertos recomendan que lonxe de facer esforzos físicos esaxerados cómpre introducirse  pouco a pouco  e traballar baixo a supervisión dun especialistas para evitar lesións a curto e a medio prazo. Ademais, monitores como Lorenzo e Lolo, entenden que “sempre se pode practicar algún deporte ou ir a camiñar, correr, montar en bicicleta que complementan a calquera outra actividade física”.

 

Axeitada alimentación

Xunto coa práctica deportiva é necesario unha alimentación axeitada e hábitos saudables. Non é posible notar cambios radicais na fisionomía corporal nun curto espazo de tempo. Neste aspecto os adestradores consultados por Praza son rotundos: “Nós en ningún caso recomendamos a toma de complementos que non sexan naturais”. Lorenzo Blanco di que “a mellora na condición física é un proceso no que son fundamentais a concienciación, a decisión e a constancia”.

Non é posible notar cambios radicais na fisionomía corporal nun curto espazo de tempo

Os dous especialistas consultados por este diario conclúen que “ao final todo ten unha lóxica e todos os procesos levan un tempo pero calquera persoa, sexa como sexa, pode mellorar; só é unha cuestión de gañas e de tempo”.

Lorenzo Blanco, monitor nun ximnasio © Óscar Pinal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.