Algúns consellos para pasar un verán "de cans"

A presenza de cans nas praias atópase moitas veces con dificultades CC-BY-NC melgupta

Ten vostede can ou cadela? Daquela seguramente atopou nalgún momento dificultade para pasear con el pola rúa, en parques e, sobre todo no verán, polas praias. En todos os casos o permiso ou a prohibición para facelo depende das regulamentacións municipais. Cos areais ateigados as dificultades aumentan e cada vez é máis numerosa a reivindicación de que mude a normativa ou de que os Concellos habiliten praias nas que si se poida estar cos cans. Campings (practicamente todos aceptan animais) e hoteis (unha ampla lista tamén o fan) poñen as cousas máis doadas.

Non é certo que estea prohibida a presenza de animais nas praias. A Lei de Costas e a Lei de protección dos animais domésticos e salvaxes en cautividade remiten ás normativas municipais a "prohibición ou limitación" da presenza dos animais. Daquela, para estar seguros teremos que consultar a normativa municipal do concello no que se atope a praia. O areal deberá contar tamén cunha sinalización que especifique esa prohibición e as multas coas que se castiga a súa infracción, superior aos 600 euros, e que en Cangas, por exemplo, supera os 1.500 euros.

O 5 de xullo O Grove inaugurou os dous primeiros areais para cans, a praia de Canelas e a praia de Con Negro. Atópanse na batería militar de San Vicente e son praias de baixa ocupación e rodeadas de zonas naturais. Desde entón foron visitadas por un gran número de propietarios de cans, que aseguran estar moi satisfeitos con esta nova iniciativa. En Marín ou A Coruña grupos de veciños levan un tempo organizándose para que os consistorios fagan o mesmo. Roberto Díaz, portavoz da asociación Cansdomar, pedía hai uns meses que se habilitasen praias, ou cando menos que se acoutase "algunha zona para poder levar as nosas mascotas ou determinar un espazo de esparcemento dentro do municipio, no casco urbano, tal e como se fixo cos patinadores, por exemplo". A Asociación de Veciños de Oza, Gaiteira e Os Castros demandoulle igualmente ao Concello da Coruña que reservase un espazo nas praias para a presenza dos animais, o que foi rexeitado pola Concellaría de Medio Ambiente porque -asegura- iso suporía incumprir a normativa que outorga as bandeiras azuis. 

Semella que, de momento, os cans seguirán sendo tratados como un problema, carentes de todo dereito. Unha visión que comeza a mudar lentamente, pero que seguen dando pé a barbaridades coma as pronunciadas por Toni Cantó, deputado de UPyD no Congreso, cando afirmou que os animais carecen do "dereito á liberdade e do dereito á vida".  En calquera caso, afortunadamente, Galicia conta con centos de praias, algunhas de grande extensión e pouco masificadas. Nestes areais, mesmo algúns dos máis coñecidos e con mellores accesos, abonda con camiñar uns centos de metros para atopar un espazo baleiro no que a presenza de animais non poderá ser criticada por ninguén.

Atopamos menos dificultades en cámpings, por exemplo, pois practicamente todos admiten a presenza de animais. En calquera caso, pódese consultar esta lista, con 71 cámpings pro-cans en Galicia, para estar máis seguros. Tamén son moitos os hoteis e albergues que acollen sen problemas persoas con mascotas. Nesta outra web atopamos 152 establecementos nas que a presenza de animais nas habitacións está permitida. Nalgúns casos existen limitacións por número (un animal como máximo), peso (até 4, 9, 15 ou 20 quilos) e especie (hai quen só admite gatos e non cans).

Praia de Canelas, no Grove © Turgalicia
A presenza de cans nas praias atópase moitas veces con dificultades CC-BY-NC melgupta
CC-BY mikebaird

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.