Apóstolo e Festigal, festa en Santiago para o Día Nacional de Galicia

O grupo portugués The Gift © Concello de Santiago

Compostela volve ser o centro festivo do Día Nacional de Galicia e tamén o foi da súa véspera por dobre motivo: o Festigal e as festas do Apóstolo. Aos actos co gallo da festividade de Santiago -que acumula dez días de celebracións desde a semana pasada-, a capital énchese de música, fogos, troula e reivindicación durante estes 24 e 25 de xullo. 

The Gift, xunto cos australianos The Chevelles, actuaron na Quintana este luns dentro do programa do Apóstolo

Esta noite de luns, na praza da Quintana, as festas do Apóstolo trouxeron os australianos The Chevelles e os portugueses The Gift, desde as 22 horas e xusto antes do espectáculo nocturno e de fogos de artificio que deu comezo hora e media máis tarde no Obradoiro. Xusto despois houbo  música na Alameda, a cargo da orquestra Suavecito, e tamén na praza do Toural, con Dayna Kurtz & Rober Machi, que presentan o seu disco Rise & Fall.

Noutra zona da cidade, no campus sur, desenvólvese a outra grande oferta cultural e musical destas xornadas. O Festigal, organizado pola Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova e persoas voluntarias do nacionalismo galego, con arredor dun cento de actividades e xuntou no escenario na noite deste luns a Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos, Son da Rúa e Bigote Mix

A xornada comezou cunha sesión de DJ con Bigote Mix; despois Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, que foron os gañadores do concurso Novos Valores; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentou o seu último traballo O mundo está parado; actuaron os Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba co seu último disco Marxinación, de rock-metal con letras reivindicativas.

Ademais, durante todo o día, librarías e editoriais galegas presentarán as súas últimas publicacións. A Galería das Letras e das Ideas do FestiGal debaterá tamén sobre O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado e presentará dez publicacións de interese político nacionalista, da memoria histórica de análise o idioma, da cultura e da xeografía. 

Espectáculo audiovisual e pirotécnico dos fogos do Apóstolo na noite deste 24 de xullo / Concello de Santiago

A axenda do 25

Peter Punk ou Cé Orquestra Pantasma actuarán no espazo infantil, con música e xogos tradicionais, mentres que xa o martes 25, desde as 17 horas, tocaralles a Regueifeiras, Vero Rilo Daboapipa – Lavandeiras, o espectáculo Nabiza Girl de Isabel Risco, Áureas e Tanxuqueiras no Café Concerto. Será despois das tradicionais manifestacións políticas na mañá do martes.

Nese mesmo día, dentro da programación oficial da festividade de Santiago, desenvolverase a tradicional procesión e ofrenda ao Apóstolo na Catedral e unha charanga de cabezudos percorrerá as rúas da cidade. Ademais, na praza de Mazarelos e durante toda a xornada terá lugar a Romaría dos Libros, organizada por Compostela Literaria. Na Quintana, desde as 22 horas, concerto con Comando Katana, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha, mentres que a orquestra Aché tocará na Alameda e a Orquestra Xuvenil de Estudio no Toural. Antes, ás 20 horas, SD Compostela e CD Lugo disputarán a segunda edición do Memorial Antonio Bermúdez en San Lázaro. 

Dominio Público Praza Pública
Guadi Galego, durante un concerto © J.L. Rúa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.