A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, apostou neste 25 de xullo pola "autonomía do federalismo" e polo idioma galego como "primeiro e máis importante elemento vertebrador" da identidade no país. Durante o acto polo Día Nacional de Galicia que cada ano os socialistas galegos celebran ante o busto de Castelao en Rianxo, a dirixente apelou á Galicia "digna" cun autogoberno "forte" dentro dunha España "federal" e "profundamente solidaria" cos cidadáns e cos pobos.
Cancela aposta pola "autonomía do federalismo": un autogoberno "forte" dentro dunha España "federal e profundamente solidaria"
Antes, diante dos medios de comunicación, Cancela advertiu que "por suposto" que o PSdeG se sente cómodo na definición de España plurinacional que promove o novo PSOE de Pedro Sánchez. "Formamos parte dun partido que é federal e polo tanto apoiamos as resolucións que adopta o partido a nivel federal, que ademais moitas delas son con achegas do propio PSdeG... Como non nos imos a sentir identificados", destacou.
O PSdeG advirte que defenderá "sempre a legalidade" e que "a soberanía do Estado reside en todos os españois"
Cancela asegurou tamén que o PSdeG defenderá "sempre a legalidade" e que "a partir de aí" pódese "falar de calquera cousa, pero respectando a lei que hai neste momento". Así, aludiu ao "artigo moi claro" na Constitución "que di que a soberanía do Estado español reside nos españois, pero en todos e todas, non só nun cachiño".
Por outra banda, a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, presente no acto, negou que existisen tensións no partido pola definición de Estado plurinacional "porque ese debate se suscitou no congreso federal" e "aprobouse por amplísima maioría". "Os debates no seo do partido ábrense e péchanse nos congresos", insistiu.
Ademais, durante a súa intervención pública, Lastra defendeu que os socialistas son "os únicos" que defenden "o diálogo" fronte ao "inmobilismo", que atribuíu tanto ao Executivo central como ao da Generalitat de Catalunya. Alén disto, reivindicou que o PSOE entende as distintas "realidades nacionais, culturais e sociais". "Por iso somos o partido que máis se parece aos españois", engadiu.
Gonzalo Caballero, Leiceaga e Villoslada coincidiron no acto do Día Nacional de Galicia en Rianxo
Lastra tamén cre que a dereita "nacional" por unha banda e "nacionalista" por outro "levan" España "á ruptura", e terminou avogando por un país que "teña á fronte a un partido moderno" e que "integre as diferentes realidades nacionais".
Por outra banda, os tres aspirantes que xa amosaron a súa intención de loitar polo liderado do PSdeG nas primarias que se celebrarán no vindeiro outono (Gonzalo Caballero, Xoaquín Fernández Leiceaga e Juan Díaz Villoslada) coincidiron este martes no acto dos socialistas polo Día Nacional de Galicia, no que Pilar Cancela asegurou a "total neutralidade e total imparcialidade" da xestora ante o desenvolvemento das eleccións internas.