Así foi, en 10 vídeos, o paso de Galicia por Fitur: dun Lugo "de cine" ao 'First Dates' ferrolán

Presentación en Fitur do 'Xeoparque' do Ortegal © Deputación da Coruña

Galicia vendeu os seus mellores recantos nun gran número de presentacións e de vídeos, producidos polas deputacións, as sete cidades e pola propia administración autonómica

Este domingo finalizou en Madrid a edición 2022 de FITUR, a Feira Internacional de Turismo na que todos os anos cidades, comunidades autónomas e outras entidades buscan amosar os atractivos dos seus territorios para visitantes e eventos. A edición deste ano estaba chamada a ser especialmente importante, pola expectativa dun relanzamento dos movementos turísticos nos vindeiros meses unha vez superados os peores momentos da pandemia.

Galicia vendeu os seus mellores recantos nun gran número de presentacións e de vídeos, producidos polas deputacións, os concellos máis poboados e pola propia administración autonómica, unhas imaxes nas que os camiños a Compostela foron especialmente protagonistas, xa que nos atopamos en ano Xacobeo. Con todo, as presentacións turísticas dos distintos Lugares amosaron que o atractivo turístico de Galicia vai moito máis aló do Camiño de Santiago.

A edición deste ano estaba chamada a ser especialmente importante, pola expectativa dun relanzamento dos movementos turísticos nos vindeiros meses

Algúns dos vídeos destacaron pola súa orixinalidade. Foi o caso, por exemplo, do de Ferrol, no que os atractivos da comarca foron presentados no contexto dunha cita amorosa, ao estilo do programa First Dates

Tamén chamou a atención o vídeo presentado polo Concello de Pontevedra, no que Paco percorre a cidade mentres fai "vida saudable" polas paseables rúas do centro urbano,

Lugo: Do Arde Lucus a unha "provincia de cine"

Lugo presentou varios vídeos para amosar tanto a riqueza da cidade coma do resto da provincia, dende a Muralla ao Arde Lucus, que celebrará unha nova edición o vindeiro mes de xuño. Pola súa banda, a Deputación Provincial destacou en "Lugo, provincia de cine" as belezas do territorio lucense.

As "historias de amor" coas Rías Baixas

A campaña turística do ano 2022 das Rías Baixas está protagonizada por persoas que relatan a súa "historia de amor" coa provincia de Pontevedra. A cidade de Vigo tamén explota as belezas da súa ría e das Illas Atlánticas, canda aos moitos atractivos da propia urbe olívica. 

E, de costa a costa, a Deputación da Coruña salienta os atractivos dun dos litorais máis fermosos e descoñecidos de Galicia, o do Ortegal e o seu Xeoparque.

O Camiño, protagonista

O Ano Xacobeo 2021-22 e os camiños a Compostela aparecen en varios dos vídeos promocionais e de forma moi destacada no realizado polo Goberno galego e no do Concello de Ourense, presentado baixo o lema "Ourense, corazón do Camiño".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.