Así se preparan as festas de San Pedro

Unha imaxe das festas do pasado ano Dominio Público http://fbsp.info/

"Canta xente pode pasar polo barrio de San Pedro esta semana?". "Uf, imposible de dicir, entre moita e moitísima". Fala Fuco, un dos membros da Comisión organizadora das festas do compostelán Barrio de San Pedro, que este ano chegan á súa décima edición, e que chegarán até o domingo, co sábado como día grande. Para quen non o coñeza, San Pedro é un barrio singular por varios motivos: forma parte da zona vella de Compostela -aínda que se sitúa fóra da súa almendra- pero é quen -a diferenza do que é habitual nos cascos históricos das cidades galegas- de manter unha gran vitalidade social e comercial e tamén vive de continuo unha saludable renovación da súa poboación, incorporándose moita xente nova que se integra inmediatamente cos habitantes de sempre do barrio.

Barrio. Porque San Pedro é un barrio e iso é o que o define e tamén ás súas festas: populares, participativas, financiadas sen apoio público, con máis de 40 actividades en 6 días e o traballo de máis de 150 voluntarias -son sobre todo mulleres-. Unhas festas que se viven nas rúas, en todas as rúas prazas e recantos do barrio, do mesmo xeito que San Pedro é un barrio que se vive a pé, camiñando. Unhas festas que aúnan a tradición e os concertos de bandas noveis ou o teatro e o circo. E unhas festas que, ademais de divertir, teñen como función o fortalecemento da comunidade e o embelecemento e mellora do entorno. "As festas serven como bandeira de enganche para facer grupo e para vender a imaxe do barrio e poñelo en valor. Tamén serve para acompañar e reforzar outras actividades que se realizan dende a asociación de veciños ou dende outros colectivos. A través dun evento que congrega a tanta xente podemos coñecernos persoas de distintas xeracións e con intereses distintos. Facer barrio", explica un dos seus organizadores. Falamos con Fuco, Antonio, Lucia e Marta, que nos explican como funcionan por dentro unhas festas que poden ser un exemplo de bo facer.

O orzamento roza os 60 mil euros, que serven para pagar estes festexos e tamén a Festa da Primavera, que se celebra a comezos de maio. Non está mal para unhas festas de barrio e que ademais non contan con axuda económica ningunha das institucións. Esta independencia económica permitiulle safar da crise, e mesmo aumentar os seus fondos ano a ano, chegando a un récord nesta edición de décimo aniversario.  Unha parte non pequena deste orzamento, ao redor do 15%, procede do apoio dos comercios do barrio e de toda Compostela, algo menos recóllese directamente das achegas dos veciños e veciñas, tamén da organización da feira comercial, e unha cantidade semellante obtense coa venda de camisolas e outro merchandising. O groso dos ingresos procede das barras de comida e bebida instaladas por todo o barrio. "Consideramos fundamental a transparencia. Publicamos todos os datos económicos no Facebook e tamén os imprimimos e os penduramos no exterior do local das festas", salientan.

O momento de máis intensidade chega o sábado: “10 mil persoas? 20 mil? É un pracer e un problema porque nós non queremos outra cousa que facer unha festa do barrio"

Son unhas festas de barrio, feitas dende abaixo e cuns medios relativamente modestos, pero ambiciosas sobre todo no obxectivo de que cheguen a todo o barrio e todo o mundo se sinta involucrado. "É un problema engadido para nós porque nos obriga a mover as barras e os palcos", explica. “Como son unhas festas do barrio tes a vantaxe de que se nalgún momento necesitas unha escaleira só tes que pedila. Ou se necesitas un punto de luz. Temos cinco locais que nos emprestaron veciños para poder organizar a festa, gardar equipos e material, ou para que se poidan cambiar os artistas", di. O momento de máis intensidade chega o sábado: “10 mil persoas? 20 mil? É un pracer e un problema porque nós non queremos outra cousa que facer unha festa do barrio. E este é unha barrio da zona vella, con rúas estreitas e que ademais non ten unha gran praza na que se poida xuntar a xente”.

Nada de todo isto sería posible sen a autoorganización dos veciños e veciñas, un traballo que comeza pouco despois dos remate das festas: “O último dia das festas é o domingo. Recóllense as cousas, na semana seguinte tes que pechar cousas, devolver elementos que te prestaron e aí xa nos xuntamos para facer unha valoración e comezar a pensar nas festas do ano seguinte”. "Hai varios grupos, varios círculos, uns implicados máis directamente e outros de forma máis externa. Hai un grupo máis pequeno que organiza e que forma as comisións. Outro de voluntarios moi activos. Outros que se apuntan para traballar un dia ou para unha actividade. E un último circulo que é aquel que se che ve carretando algo pola rúa che bota unha man ou se estas colocando algo tamén te axuda", explican.

A diferenza doutros lugares estes novos habitantes do barrio puideron integrarse e mesturarse con nativos orixinais, nas súas entidades veciñais e nos seus lugares de reunión tradicionais

Fórmanse varias comisións: económica, voluntarias, imaxe e merchadising, feira de artesanía, programación, produción e papeliños, que é a que se ocupa dese traballo tan farragoso de xestionar os permisos no Concello para o uso de todos os espazos nos que ten lugar a festa. Coma as cereixas, os voluntarios chegan polo boca a boca, e un trae a outro. "Cada ano hai algún voluntario que decide dar o paso e meterse na comisión", destacan, "isto é moi bo e vai permitindo a renovación xeracional e de persoas, que a festa siga viva".

 

"Un barrio diferente"

"Somos o barrio da entrada de Compostela. Por aqui entran os peregrinos e queremos que sexa o primeiro que vexan de Compostela. Non é o mesmo entrar entre coches que entrar por un barrio que se camiña e que está de festa", comenta Fuco. Por que San Pedro é como é? Por unha banda é un barrio da zona vella, pero de fóra de portas, fóra da almendra, o que abarata o prezo dos pisos e facilita que se poida instalar a xente nova. Pero a diferenza doutros lugares estes novos habitantes do barrio puideron integrarse e mesturarse con nativos orixinais, nas súas entidades veciñais e nos seus lugares de reunión tradicionais. Non hai unha "gran praza" na que xuntarse pero si pequenas praza e moitos recunchos, e sobre todo "unha praza estirada", como é a rúas de San Pedro, que artella todo o espazo. "E segue habendo tabernas e sitios nos que xuntarse. E xorden novos: hai negocios novos de xente acabada de chegar e que se integra moi ben", salienta Marta.

"Moita xente felicitanos polo estado do barrio e por todas as cousas que organizamos. Pero isto non nace por casualidade: é o froito do traballo de moitos anos. O barrio que tes é o que queres ter o que te preocupas de construír”, conclúe Antonio

"As festas máis populares da cidade", destaca a Comisión de Festas, organízanse grazas ao traballo comunal dun número moi elevado de persoas. O espírito da celebración exemplifícase no Día do Barrio celebrado o pasado ano, unha xornada de festa, pero tamén de embelecemento e decoración das rúas, prazas e fachadas, e tamén solidario, coa recollida de alimentos para a cociña económica. A Asociación de Veciñas e Veciños A Xuntanza, que organizaba a actividade, salientaba daquela que "o barrio é a nosa casa e nós temos que ser os primeiros en coidalo, no día do barrio e nos outros días do ano". "Moita xente felicitanos polo estado do barrio e por todas as cousas que organizamos. Pero isto non nace por casualidade: é o froito do traballo de moitos anos. O barrio que tes é o que queres ter o que te preocupas de construír”, conclúe Antonio.

As festas de San Pedro vivense na rúa © http://fbsp.info/
Organizanse máis ed 40 actividades © http://fbsp.info/
© Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.