Dos puntos Parker ás recomendacións dos medios internacionais: O viño galego ponse de moda

Financial Times, New York Times ou Bloomberg recomendaron os viños galegos nos últimos meses CC-BY vreimunde

Nos últimos anos vén sendo cada vez máis habitual que os viños galegos sexan protagonistas en grandes medios internacionais e que figuren, ademais, entre as recomendacións dos medios especializados. A pasada semana foi o Wall Street Journal quen lle dedicou unha reportaxe á gastronomía e á produción vinícola galega, poñendo os ollos en Sílice, unha pequena adega de Sober, e destacando o potencial dos viños galegos e o seu carácter emerxente.

O Financial Times  incluíu dous galegos na súa recomendación de 32 brancos para consumir e agasallar este nadal

Poucos días antes era o Financial Times o que incluía dous galegos na súa recomendación de 32 brancos para consumir e agasallar este nadal, destacados baixo o título de "Brancos festivos" pola súa crítica Jancis Robinson. En concreto, salientaba os godellos Maga (Ribeira Sacra) e Louro do Bolo (Valdeorras).

De igual xeito, o pasado ano Bloomberg situaba a Ribeira Sacra como unha das zonas vinícolas emerxentes no planeta, unha aposta que repetiu meses despois, ao subliñar as tendencias no mundo do viño para o ano 2018, entre as que de novo aparecía a Ribeira Sacra.

Frecuente comeza a ser a presenza de Galicia no New York Times, especialmente da man do seu crítico Eric Asimov

Frecuente comeza a ser a presenza de Galicia no New York Times, especialmente da man do seu crítico Eric Asimov, que lle ten dedicado un gran número de reportaxes aos viños galegos e ás comarcas nas que se producen. O ano pasado salientaba as marabillas da Ribeira Sacra, escollendo o Décima Ribeira Sacra de 2014, o Guímaro Ribeira Sacra Tinto de 2015 e o D. Ventura Ribeira Sacra Viña Caneiro de 2012. E de novo este ano apostaba polo godello Valdesil (Valdeorras) entre os mellores viños de menos de 20 euros de todo o mundo.

Semella que esta proxección internacional dos viños galegos -entre outros factores- está a dar os seu froitos. O último informe do Ministerio de Agricultura sobre as vendas do viño español sinalaba que o pasado ano as Denominacións de Orixe galegas creceron un 7,5%, tres puntos máis que a media estatal. O aumento dáse en todos os mercados, pero de forma destacada na exportación ao estranxeiro, que xa supón o 18% de todas as vendas. Por Denominacións de Orixe, a máis vendida segue a ser a Rías Baixas, seguida de Monterrei, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra.

O pasado ano as Denominacións de Orixe galegas creceron un 7,5%, tres puntos máis que a media estatal. As exportacións ao estranxeiro supoñen xa o 18% das vendas

Ás mencións nos medios internacionais, únense outros fitos, algúns moi concretos pero de gran importancia simbólica, como foi que no ano 2014 a Casa Blanca encargara 200 botellas de viño galego para o brinde do presidente Obama na cena de gala do Congressional Hispanic Caucus, unha cita que reúne a líderes políticos, empresariais e económicos hispanos dos Estados Unidos. O viño escollido foi un Ribeira Sacra da Teixeira (o Peza do Rei 2012).

E tamén os premios. O pasado mes de marzo os viños galegos acadaron un total de 45 galardóns no Concurso Internacional de Viños Bacchus 2018, o máis importante do Estado. Os Rías Baixas, sobre todo, obtiveron  8 Bacchus de Ouro e 16 Bacchus de Prata.

Unha imaxe da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA E.Crespo

E, finalmente, os viños galegos foron gañando un espazo propio nos influíntes (e criticadas por algúns) puntuacións de Robert M. Parker, que todos os anos valora viños de todo o planeta (puntuados de 50 a 100 puntos) no medio especializado The Wine Advocate. A lista anual dos 100 mellores viños converteuse en toda unha referencia seguida por milleiros de compradores de todo o mundo para a adquisición de novas marcas. De feito, cando no ano 2011 Parker lle outorgou 90 puntos ao Rúa 2010, un modesto viño da Cooperativa Virgen de las Viñas (O Barco) que se vendía a 1,49 euros a botella, os seus pedidos disparáronse, chegando a recibir ordes para medio millón de unidades.

Son varios os viños galegos que nos últimos anos acadaron puntuacións superiores na escala deseñada por Parker e que mesmo apareceron entre os 100 mellores do ano en The Wine Advocate.

Uvas de albariño CC-BY Fernando

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.