En Santiago e Pontevedra choveu dous de cada tres días dende xaneiro

Unha rúa nunha noite de chuvia © Santiago Turismo

Este mes de marzo foi o segundo máis chuvioso en Galicia dende 1962; os 343 litros por metro cadrado caídos só foron superados no ano 2001 (441) e naquel ano 1962 (347). Se hai apenas catro meses estabamos a falar da seca e da preocupación existente pola falta de precipitacións, as chuvias do inverno e deste comezo de primavera, superiores ás habituais, conseguiron entre outras cousas devolver os encoros aos seus niveis normais.

Este mes de marzo foi o segundo máis chuvioso dende 1962; os 343 litros por metro cadrado caídos só foron superados no ano 2001

En xaneiro e febreiro as precipitación axustáronse aos valores medios das últimas décadas, pero en marzo case triplicaron as cifras habituais. Especialmente no centro da provincia de Lugo ou na Baixa Limia, explica Meteogalicia, con valores catro ou mesmo cinco veces superiores á media do período 1981-2010.

Tomando como referencia os tres primeiros meses, 2018 sitúase polo momento como un ano chuvioso, aínda que con valores acumulados semellantes aos de 2013, 2014 e 2016 e moi inferiores aos do ano 2001.

Por suposto, chove máis nuns lugares que noutros. O informe climatolóxico elaborado por Meteogalicia do inverno que vén de rematar situaba Fornelos de Montes como o punto no que máis auga caera, con 1.219 litros por metro cadrado, superando tamén os mil litros Poio, Cuntis, Abadín, Lousame ou A Capela.

As precipitacións caídas nas cidades de Lugo e Ourense no que levamos de ano duplican os valores habituais nas últimas décadas

En canto ás cidades, Compostela e Pontevedra son as que máis precipitacións levan acumuladas no que vai de ano. Alí, entre o 1 de xaneiro e o 30 de marzo, choveu máis de dous de cada tres días (61 de 90), superando a Lugo (57) e á Coruña (54) e tamén a Ourense (42). En calquera caso, todas estas cidades tiveron moitos máis días de chuvia dos que son habituais.

O mesmo se pode dicir do total de precipitacións acumuladas. Nos tres primeiros meses do ano Santiago e Pontevedra superaron os 700 litros por metro cadrado, un 40% e un 58% por riba da media do período 1981-2010. Os 541 litros de Lugo e os 401 de Ourense máis que duplican os valores habituais nestas cidades nas últimas décadas. E tamén A Coruña incrementou este indicador nun 40%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.