Gisele Jackson: a primavera chega a Lugo con blues

Gisele Jackson, nun concerto © Gisele Jackson

Hemeroteca

O blues comeza a soar antes en Lugo neste 2019. Na senda da boa acollida das dúas primeiras edicións do festival Blues Museum, que en 2017 e 2018 achegou formacións como Travellin' Brothers, Aurora&The Betrayers e The  Cyborgs en datas noutrora desertas de citas musicais na cidade da Muralla, desta volta o blues ecoa xa en primavera. Comeza a facelo este 31 de marzo (13:30), no epicentro do vermú lucense de domingo, na rúa do Bispo Basulto, a medio camiño entre a Praza do Campo e a Catedral, e con entrada de balde.

Na senda da boa acollida das dúas primeiras edicións do festival de blues, Gisele Jackson chega este 31 de marzo ao epicentro do vermú dominical lucense 

O blues comeza a chegar este ano a Lugo da man dunha referencia internacional do xénero, Gisele Jackson, toda unha obreira destas músicas cun amplo currículo. A cantante de Baltimore curtiuse en durante lustros en xiras de nomes consagrados como Ray Charles ou Donna Summer e ascendeu aos ceos da Billboard con Love Commandments. Porque Gisele é blues, pero tamén house e dance malia vir da escola do soul máis clásico.

Os principais clubs de jazz dos Estados Unidos, pero tamén numerosos países de Europa e Asia escoitaron xa á artista que este 31 de marzo pon en Lugo os primeiros compases da primavera. Confiaron nela artistas como Bette Midler ou Perico Ponte para abriren os seus concertos, pero tamén tivo encargas de sona mundial como cantar na toma de posesión do presidente estadounidense Bill Clinton, entre outras moitas.

O concerto de Gisele Jackson presente ser un primeiro petisco "do que vai vir despois", en xullo, na terceira edición do Festival de Blues de Lugo

Cinema, teatro, televisión e mesmo campañas publicitarias internacionais foron ligados á carreira musical dunha artista que chega a Lugo coa intención de que o público quede con gañas de máis blues. Non en van, Deputación e Concello lucense avanzan que xa están a traballar na "nova programación do Festival de Blues", a terceira edición, que será presentada proximamente. O deste domingo é, daquela, un petisco "do que vai vir despois".

"É unha cita para gozar do blues" pero tamén para "abrir boca", di a responsable de Cultura do ente provincial, Pilar García Porto. A terceira edición do festival de blues lucense será outra volta en xullo, confirma. Nas dúas anteriores os concertos estiveron ademais acompañados dunha parte formativa, como clases maxistrais con referentes do xénero impartidas en enclaves senlleiros como os xardíns do Museo Provincial.

Ofrecido pola Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.