“A falta de desexo paréceme o estado cotián dos humanos, o que non vexo normal é que actuemos como se estivesemos todo o día excitados”. Alejandro ten 43 anos e unha idea bastante precisa sobre o tema que se aborda. Nunha mesa dun bar en Santiago de Compostela, convérsase sobre algo así como o tabú da falta de desexo nos homes. Nunha sociedade que continúa a promover un modelo caduco de masculinidade e feminidade, téndese ao desconcerto cando o home non desexa ao ritmo que, tácita ou explícitamente, se lle supón.
“Todo o día excitado non, pero cando che pasa unha rapaza guapa polo lado o que che gustaría é que che fixese caso, ou non?”, apresúrase a respostar Iago, de 25 anos.
Alejandro matiza: “Podes querer iso, claro, pero entre a masculinidade se fomenta moito a ‘inflamación’ grupal, algo moi rancio. Intúo que á maioria nos salta o chip do desexo por un estímulo determinado; non imos pola vida cunha erección permanente”. Con el coincide Lucas, de 40 anos: “Suponse que no núcleo masculino alfa dominante tes que falar de tías, comentar o boas que están tal e cal moza, que se cadra é a túa amiga e te desagrada que se refiran así a ela. Nese caso, o máis saído da tertulia é o que marca o nivel. É algo que se comeza a dar tamén en núcleos femininos, o cal me parece un retroceso”. E Alberto, de 52 anos, salta rotundo: “Que problema hai? A todo o mundo lle gusta foder!”.
Incomunicados
A Sandra, de 34 anos, a súa relación de parella causoulle “grande frustración” durante moitos meses. Non entendía por que ao seu mozo, hoxe marido, non lle apetecía manter relacións sexuais como até entón. “Vestíame de maneira provocativa, insinuábame, e nada; e cada vez nos estresaba máis a situación. Por que se pon sempre na nosa boca o de ‘hoxe non, dóeme a cabeza’? A eles tamén lles pasa. El estaba deprimido e non o soubo comunicar nin eu tratalo. Lémbroo como unha época pésima, coa autoestima polo chan para os dous”.
Á consulta da psicóloga e sexóloga viguesa Cristina Fanjul acoden mulleres con experiencias parecidas á de Sandra, para as cales, “o primeiro pensamento é ‘xa non me quere, xa non o excito’, pasando polo típico ‘iso é que ten outra’... o que pode chegar a producir un bucle de incomunicación e inseguridades que acaba por romper a parella: ‘velo? tiña outra’. E non tivo por que ser ese o motivo”.
A maioría dos estudos apuntan que entre un 30-42% das mulleres padecen ausencia de desexo, fronte a un 14% dos homes
Considérase que, cando funciona, o sexo só implica do 10 ao 20% da satisfacción da parella, pero cando renquea, ocupa até o 90% do noso espazo. A maioría dos estudos apuntan que entre un 30-42% das mulleres padecen ausencia de desexo, fronte a un 14% dos homes, unha porcentaxe actualmente en revisión conforme o sector masculino comeza a recoñecer os seus problemas sexuais. Ademais, o desexo feminino pode agromar despois da excitación, e non previamente, como se dixo até agora, sobre todo dentro dunha parella estábel.
Competir cun imaxinario inexistente
As cifras recollidas por Sylvia de Béjar, autora de Deseo e do super-vendas Tu sexo es tuyo, premio da Academia Española de Sexoloxía pola súa actividade divulgativa, amosan que só entre o 20% e o 25% dos encontros sexuais son considerados moi bos, entre un 40% e un 60% bos, e entre o 15 e o 40% pouco satisfactorios ou incluso disfuncionais.
Defende que o desexo que nos venden no cinema, “en Hollywood e tamén nas pelis porno”, non se parece á realidade. A consecuencia? “Moita xente pensa que o seu desexo funciona mal, porque non reaxe como se lle amosou que debería. O feito de entender que todo iso é ficción, arranxa a maioría dos problemas. Estás a competir contra un imaxinario que non existe”.
Coa súa ex parella pasou “con baixa excitación” cinco dos seis anos que estiveron xuntos
Andrés, de 37 anos, leva un ano e medio sen sexo. “Non é que me falte o desexo, é que non atopo con quen facelo”, manifesta con humor. “E, por certo, nunca souben ligar, penso que é algo que nos pasa a moitos tíos, máis da miña xeración. E suponse que segue a ser o home o que o ten que facer, non? Pois vou listo”. Coa súa ex parella pasou “con baixa excitación” cinco dos seis anos que estiveron xuntos. “Ainda que nunca deixei de masturbarme, con ela non o pasaba moi ben, pero procuraba esforzarme. Ela era moi pasiva e eu sentía que me tocaba a responsabilidade de funcionar obrigatoriamente a un nível alto, cría que eu, como home, tiña que cumprir e me sentía examinado, co cal ás veces fuxía. Non era a primeira vez que me pasaba algo así, custoume bastante superalo”.
O feito é que ese “cliché antiquísimo” de que “o home é máis home” se ten un gran número de relacións sexuais e se comporta dun modo moi activo goza de vixencia. Segundo Cristina Fanjul, moitas familias seguen a educar nesta discriminación: “Aos fillos dámoslles preservativos ou cartos para que os compren, pero ás nosas fillas ameazámolas con castigalas sen sair se lles atopamos un condón no bolso. No grupo de amigos ocorre algo similar; se un mozo ten relación sexuais con frecuencia e con distintas parellas é un xefe. Pero se falamos dunha moza, como mínimo será tratada de fresca, ademais de que xa non a van respectar como muller dentro dese grupo: ‘A min non me vale porque está moi usada".
"Non é casual que en Galiza existan uns 8.000 locais de alterne"
Relixións, gobernos, cúpulas de poder, médios de comunicación, atoparon historicamente nos dictámenes sobre o sexo un elemento de control social. A tradición moldeouno á medida dunha sorte de libido dominandi masculina, nunha sociedade falocéntrica. As institucións, os lugares de traballo, xerarquizados desde a masculinidade, supoñen un exemplo cotián do problema. E seguramente non é casual que en Galiza existan uns 8.000 locais de alterne. Ou que se ignore que arredor de 500 persoas exerzan a prostitución na rúa sen dereitos sociais. “Existe un novo paradigma, no que o home se desfai do macho que pretendeu ser, pero o camiño é complicado, hai que asumir fraquezas, renunciar a privilexios. Creo que moitos o están a facer”.