A Coruña, provincia 'gourmet' para visitantes que valoran a "calidade" e a gastronomía

Foto de grupo das e dos participantes no stand da Deputación da Coruña en Salón Gourmets © Deputación da Coruña

O deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destaca que a provincia da Coruña "é un destino turístico e enogastronómico de moitísima calidade e que busca atraer visitantes que buscan precisamente iso: calidade, e que a saben valorar na súa medida"

Duns anos para acó, a provincia da Coruña virou sinónimo de calidade turística e de riqueza gastronómica. Unha merecida sona cada vez máis asentada en todos os territorios do Estado e máis aló que abrangue os seus produtos de alimentacións, as propostas de restaurantes que unen tradición e innovación e as marabillas do patrimonio natural e construído. Unha calidade buscada e valorada por cada vez máis visitantes e que constitúe a cerna da estratexia de promoción turística da Deputación da Coruña.

As cousas non chegan soas e nun mundo cada vez máis interconectado e inzado de propostas chegadas dende diferentes xeografías, a boa imaxe dos produtos, locais e destinos turísticos dun territorio hai que presentala  en encontros e eventos de promoción e contratación, dende Fitur a Madrid Fusión ou o Salón Gourmets, que se celebrou esta semana na capital do Estado.

Salón Gourmets é unha feira internacional de alimentación e bebidas de alta calidade, dirixido exclusivamente a profesionais do sector, que este ano chegou á súa edición número 39 e na que por segunda vez estivo representada a provincia da Coruña a través dun stand da Deputación. O ente provincial levou alí a súa iniciativa A paisaxe que sabe, a estratexia que une a riqueza do territorio e a calidade da produción e da gastronomía, promovendo un turismo de calidade e sustentable desde o punto de vista social, económico e ambiental.

No espazo da Deputación estiveron A Conserveira (Ribeira), Enoturismo María Manuela (Boqueixón), Cafés Aruba (A Coruña), Gallegas de Nata (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago), Chichalovers (Santiago), La Despensa d’Lujo (Coristanco), Empanadas Ternura (A Coruña), Lenatt Food (A Coruña) e Casa da Avoa (Outes)

Ao longo de catro días a Deputación desenvolveu no seu espazo un amplo programa con máis de trinta actividades: demostracións culinarias, relatorios, catas e degustacións a cargo de profesionais e empresas da provincia, unhas accións que foron todo un éxito, á vista da actividade constante e da presenza masiva de persoas que rexistrou o stand, cada vez máis consolidado neste tipo de eventos. Foron moitos, ademais, os acordos de negocio pechados nestas xornadas.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, destacou na conclusión do Salón Gourmets que a provincia da Coruña "é un destino turístico e enogastronómico de moitísima calidade e que busca atraer visitantes que buscan precisamente iso: calidade, e que a saben valorar na súa medida".

Participaron tamén chefs de referencia da provincia como Noelia Rodríguez (Casa Peto, Outes), Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Juan Crujeiras (Bido, A Coruña) e Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña, unha estrela Michelin)

No espazo da Deputación da Coruña estiveron destacadas produtoras e produtores da provincia como A Conserveira (Ribeira), Enoturismo María Manuela (Boqueixón), Cafés Aruba (A Coruña), Gallegas de Nata (A Coruña), Bodegas Lodeiros (Santiago), Chichalovers (Santiago), La Despensa d’Lujo (Coristanco), Empanadas Ternura (A Coruña), Lenatt Food (A Coruña) e Casa da Avoa (Outes).

E, igualmente, unha salientable representación de chefs de referencia da provincia como Noelia Rodríguez (Casa Peto, Outes), Adrián Felípez (Miga, A Coruña), Juan Crujeiras (Bido, A Coruña) e Iria Espinosa (Árbore da Veira, A Coruña, unha estrela Michelin), que ofreceron distintas elaboracións en formato showcooking.

Demostración dos cociñeiros da Árbore da Veira no Salón Gourmets © Deputación da Coruña

"Os produtores e produtoras que participan ao abeiro da marca ‘A paisaxe que sabe’ teñen a oportunidade non só de dar a coñecer o seu traballo, senón tamén de xerar negocio e establecer contactos que contribúan ao seu crecemento", explica Xosé Regueira

"Os produtores e produtoras que participan ao abeiro da marca ‘A paisaxe que sabe’ teñen a oportunidade non só de dar a coñecer o seu traballo, senón tamén de xerar negocio e establecer contactos que contribúan ao seu crecemento", explica Xosé Regueira, que salienta a importancia de "dar visibilidade ao traballo das produtoras e produtores locais e abrir novas oportunidades comerciais" e, en conxunto, grazas á participación dos e das chefs, "poñer en valor a cadea agroalimentaria da provincia e amosar ante un público profesional todo o que este territorio é capaz de ofrecer".

 

Unha gorentosa oferta

Ao longo das catro xornadas do Salón Gourmets desenvolvéronse as distintas demostracións e degustacións, ademais de relatorios e catas, que permiten "ver o produto e probalo en fresco directamente da man dunha cociña de primeiro nivel", di Regueira. Así, xa a primeira xornada comezou cunha degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café. A seguir, Noelia Rodríguez, do restaurante Casa Peto (Outes), protagonizou dous showcookings nos que elaborou mexillón en escabeche ‘Leocadia’ e tosta de sardiña afumada de Portosín. 

Mexillón en escabeche ‘Leocadia’ e tosta de sardiña afumada de Portosín;  guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo; pescada, escabeche emulsionado, amorodos e pementos de Herbón encurtidos; ou porro asado con guiso meloso de mans de porco, gamba e salsa bearnesa, entre os pratos que se serviron

Despois, foi a quenda do carballés Adrián Felípez, do restaurante Miga (A Coruña), que presentou elaboracións como peixe do día curado en auga de mar, sopa de xunco mariño e herbas do litoral escabechadas, e terrina de cabeza de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido. A programación na primeira tirada completouse con presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como cunha proposta de Chichalovers (Santiago) arredor do bocadillo de rixóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.

Noutra das sesións Adrián Felípez ofreceu novas creacións gastronómicas con pratos como guiso de mexillón encebolado, xema e broa de Carballo, e repolo estofado, sopa de berberechos e codium. Pola súa banda, Juan Crujeiras, do restaurante Bido (A Coruña), protagonizou dous showcookings nos que elaborou pratos como pescada, escabeche emulsionado, amorodos e pementos de Herbón encurtidos, así como repolo de Betanzos asado e fermentado con demiglace de hortalizas asadas e mazá.

Stand da Deputación da Coruña na edición 2026 de Salón Gourmets © Deputación da Coruña

Así mesmo, Iria Espinosa, do restaurante con Árbore da Veira (A Coruña) —distinguido cunha estrela Michelin—, que presentou elaboracións como porro asado con guiso meloso de mans de porco, gamba e salsa bearnesa, ademais de vieira con manteiga de miso, caviar de codium e cacahuete tostado.

O "tirón" da gastronomía e dos produtos galegos

O espazdo da Deputación cumpriu co obxectivo de axudar a "xerar rede; afianzar a sostibilidade turística e o valor do produto de quilómetro cero" e, ademais "crear sinerxías de colaboración entre as produtoras e produtores"

Ao remate das catro xornadas da feira, o deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, amosou a súa satisfacción polo "obxectivo cumprido". A Deputación chegou a este 39.º Salón Gourmets buscando "xerar rede; afianzar a sostibilidade turística e o valor do produto de quilómetro cero" e, ademais "crear sinerxías de colaboración entre as produtoras e produtores". Regueira explica que as empresas interesadas en abrir novas vías de negocio "saben que a Deputación da Coruña conta cun posto propio neste tipo de eventos e xa nos veñen buscar para contactar cos produtores e produtoras".

Xosé Regueira e Juan Crujeiras (Bido, da Coruña) no Salón Gourmets © Deputación da Coruña

"Esta feira e a afluencia de público demostran o tirón da gastronomía galega e, sobre todo, do noso produto", celebra o deputado

"Esta feira e a afluencia de público demostran o tirón da gastronomía galega e, sobre todo, do noso produto", celebra o deputado, que salienta que "ao longo dos anos estamos gañando un oco no panorama estatal e internacional". "A restauración galega está demostrando que está ao nivel dos mellores lugares do mundo, grazas ao talento, esforzo e formación de cociñeiros e cociñeiras que sitúan a nosa provincia no escaparate internacional", conclúe.

A Casa da Avoa, de Outes, no Salón Gourmets © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.