
Madrid Fusión é un dos encontros internacionais de gastronomía máis importantes e influentes do mundo. Aí está presente por cuarta ocasión a Deputación da Coruña, desta volta coa campaña A paisaxe que sabe, que busca amosar a calidade e diversidade da cadea agroalimentaria da provincia
Este luns comezou na capital do Estado Madrid Fusión, un dos encontros internacionais de gastronomía máis importantes e influentes do mundo. Unha cita que atrae olladas, marca tendencias e eleva a categoría e recoñecemento de territorios, produtos e restaurantes.
Na cita, que se celebra no recinto de IFEMA, está presente un ano máis (por cuarta ocasión consecutiva) a Deputación da Coruña coa campaña A paisaxe que sabe, unha iniciativa que busca amosar a calidade e diversidade da cadea agroalimentaria da provincia, dende a aprezada materia prima ata as últimas creacións de chefs e establecementos.
A proposta que este ano leva á cita gastronómica de referencia a Área de Turismo e Promoción Económica dirixida por Xosé Regueira combina polo tanto a posta en valor do produto local coa creatividade culinaria e a divulgación gastronómica. Nos tres días que dura o evento o stand da Deputación ofrecerá un amplo abano de actividades abertas ao público profesional.
A paisaxe que sabe enmárcase na estratexia da Área de Turismo e Promoción Económica da Deputación da Coruña de destacar os produtos locais e a gastronomía "como impulsores clave dun turismo sustentable e auténtico"
Xosé Regueira destaca que se trata do "primeiro gran evento do ano no que os produtos e os produtores, e en xeral toda a cadea de valor da gastronomía da provincia da Coruña, se destacan nun escenario privilexiado diante de público profesional"
A paisaxe que sabe enmárcase na estratexia da Área de Turismo e Promoción Económica de destacar os produtos locais e a gastronomía "como impulsores clave dun turismo sustentable e auténtico". O sector agroalimentario non é só un dos motores económicos máis destacados da provincia, senón tamén a "mellor marca turística" da Coruña, na que se unene a paisaxe, a cultura e os sabores locais.
Como destacaba Regueira hai uns meses na presentación da iniciativa en Fitur: "Montes, ríos e costas non só debuxan o horizonte, senón que tamén alimentan a tradición culinaria da nosa terra. Cada curva da paisaxe reflicte a esencia dos nosos sabores locais, onde a natureza esculpe non só a vista, senón tamén o padal".
Entre o luns e o mércores o posto da Deputación ofrecerá un amplo abano de actividades abertas ao público profesional, como showcookings con cociña en directo, dende receitas tradicionais reinterpretadas ata propostas de alta cociña vencelladas ao territorio
O programa que a Deputación da Coruña presenta á cita inclúe showcookings a cargo de Fabián Mouzo, do restaurante O Camiño Fala de Mazaricos; tamen de Silvia Facal e Rafa Varela, do restaurante Balarés de Ponteceso; e, igualmente, de Lucía Freitas, do restaurante A Tafona de Santiago, distinguido cunha estrela Michelin. As súas elaboracións permitirán amosar distintas aproximacións á cociña galega contemporánea a partir de produtos da provincia, desde receitas tradicionais reinterpretadas ata propostas de alta cociña vencelladas ao territorio.
Entre os produtos que se prepararán en directo e que poderán probar na cita están os Callos ao estilo de Carnés, as Albóndegas de atún en salsa verde, os Percebes do Roncudo, a Pescada de baixura con emulsión de allada galega e chícharo bágoa, a Cabaza asada de Os Biosbardos con pesto de Galmesán emulsionado, o Mexillón tigre de A Conserveira, o Guiso de navalla de A Conserveira con salsa verde de algas
🟪🟧🟦 📺 EN VINTE | Vinte almorzando con Lucía Freitas
Haberá tamén presentacións e degustacións de produtos, así coma relatorios e catas de viños e queixos
Ademais destas demostración de cociña en directo, o posto da Deputación acollerá numerosas entre este luns e o mércores varias presentacións e degustacións de produtos como as Gallegas de Nata da Coruña, a Fabada Galaica da Despensa D’Lujo de Coristanco, as conservas da Conserveira, os queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa, os produtos de Chichalovers de Santiago ou as elaboracións dos Biosbardos de Cambre, entre outras propostas que poñen o foco no produto de proximidade e na súa versatilidade gastronómica.
A programación complétase con relatorios e catas a cargo do catador e formador Alejandro Paadín, centrados en distintas zonas vitivinícolas da provincia coruñesa como Betanzos, Barbanza e Iria ou a Ribeira do Ulla. Haberá finalmente unha cata vertical de queixos conducida por Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa.
- 🟪🟧🟦 EN VINTE | Vinte en ruta