A Deputación da Coruña aposta por "identificar as persoas co territorio" porque sen elas "o turismo non ten sentido"

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, en Fitur CC-BY-SA Deputación da Coruña

Coa barreira dos oito millóns de turistas superada en Galicia, Xosé Regueira afirma que "podemos seguir medrando algo máis, pero temos que facer máis esforzos en buscar a ese turista que saiba valorar o que somos capaces de ofrecer"

"Estase xerando un turismo de calidade que non busca na masificación a súa rendibilidade, senón que persegue un perfil turístico que saiba valorar o territorio. Así, seguramente con menos turistas serán capaces de xerar un retorno similar no propio territorio", explica o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira.

O equipo responsable do Turismo na Deputación ten moi en conta a dimensión á hora de formular as ofertas turísticas, deixando claro desde o inicio que non se busca a masificación, pero si unhas cifras de visitantes que permitan a creación de emprego para fixar poboación na provincia. 

"Tócanos traballar máis no ámbito do rural, de territorios emerxentes non urbanos. Pero penso que a estratexia está funcionando e que cada vez máis xente está intentando facer unha explotación do turismo moito máis responsable no medio rural. Hai xente nova que está tirando cara ao rural para establecer un negocio de futuro relacionado co turismo e hai explotacións da gastronomía que está instalada no rural cun punto de vista moi interesante, de quilómetro cero, de aposta territorio e polo produtor", argumenta Regueira. 

Presentacion da Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle en Fitur CC-BY-SA Deputación da Coruña

A área de Turismo da Deputación da Coruña estreou na feira internacional Fitur A paisaxe que sabe, unha campaña completamente nova a nivel gráfico e de imaxe, que no fondo é unha revisión da liña que xa está en marcha a nivel gastronómico e que lle dá aínda máis valor aos ingredientes máis valorados polo turista que se achega á provincia da Coruña: a paisaxe e a gastronomía. Xogando coa paisaxe e co produto gastronómico que se encadra dentro dela, coa produción de alimentos e a restauración no primeiro nivel de promoción.

A Deputación da Coruña leva a paisaxe ata Madrid acompañada das persoas que lle dan valor: "O turismo sen poboación local e sen rendibilidade no territorio non é turismo"

Existe unha tendencia emerxente, liderada por xente moi nova e moi formada, que se está a encargar de emprender desde o rural coa vista posta no turismo. Xosé Regueira explica que os que están ligados á marca turística da Deputación, que os acompañan nas distintas accións de promoción, están a ter moi bos resultados no mercado. "Creo que iso no que nos gusta tanto insistir, que non é tan importante a cantidade, senón a calidade e unha boa estratexia para ter rendibilidade turística cara ao futuro, é verdade. O que pasa é que temos moitos retos aínda aos que facerlles fronte para que isto tome moito máis corpo, con todo, no tempo que levamos notamos que a tendencia é positiva", debulla.

Nesta semana o equipo da Deputación da Coruña leva a paisaxe ata Madrid acompañada das persoas que lle dan valor ao territorio porque a veciñanza é a que lle aporta valor. "O turismo sen poboación local e sen rendibilidade no territorio non é turismo", incide o vicepresidente. A paisaxe que sabe vai da orografía da provincia da Coruña, tanto do interior como da costa, ás faces de cociñeiras e cociñeiros, establecendo esa dualidade de territorio e persoas.

"O que pretendemos é identificar as persoas co territorio e facer ver que sen elas o turismo non ten sentido. Se esas persoas non son capaces de seguir cociñando, producindo alimentos e xerando calidade no territorio o turismo da provincia da Coruña converterase nun turismo calquera, de baixo valor, e sufrirá os problemas que xa teñen outros lugares", sinala Regueira.

Xosé Regueira coa cociñeira Lucía Freitas presentando 'A paisaxe que sabe' CC-BY-SA Turismo Carballo

O reto de captar cada vez un turismo de máis calidade, que favoreza o retorno para a poboación local, vai da man do respecto polo medio ambiente e a sostibilidade. Na pasada edición de Fitur, a Deputación da Coruña presentou cinco Planes de Sostenibilidad Turística en Destino da provincia. Un deles, a Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle, está xa en execución e vaise converter na máis longa de Galicia polo que será un novo atractivo que potenciará a dinamización socioeconómica nos concellos polos que transcorre.

O deputado de Deportes e coordinador da Asociación Concellos da Vía Verde, Antonio Leira, foi o encargado de explicar as potencialidades da infraestrutura, cuxa promoción desenvolveuse a través do programa Deportistas na Vía. Nesta iniciativa, deportistas coruñeses de elite como Iván Raña, actúan como embaixadores para atraer a novos públicos interesados no turismo activo e o deporte.

"Aquí temos a fortuna de seguir vivindo no territorio e temos que evitar que o turismo nos obrigue a deixalo"

Coa barreira dos oito millóns de turistas superada en Galicia, Xosé Regueira afirma que "podemos seguir medrando algo máis, pero cada vez temos que facer máis esforzos en buscar a ese turista que saiba valorar o que somos capaces de ofrecer". "Se o turista nos trata ben, nós tamén o facemos. Somos xente hospitalaria, faladora, sociable; xente que ten a paciencia e un ritmo de vida que aínda nos permite manter unha conversa cunha persoa que nos visita", detalla o responsable de Turismo da Deputación da Coruña. 

"Creo que a percepción do turista depende moito dese trato que somos capaces de dar. Desgraciadamente, hai moitos escenarios turísticos no mundo nos que practicamente todo está planificado para satisfacer ao turista, pero onde tamén se nota que é algo irreal. Aquí temos a fortuna de seguir vivindo no territorio e temos que evitar que o turismo nos obrigue a deixalo", abunda.

Manter estes equilibrios é un reto para o sector turístico que non se pode perder de vista. "Temos a sorte de non ser un escenario turístico, que ademais cada vez gusta menos. Galicia e a provincia da Coruña é unha paisaxe de vida onde se pode ver persoas na súa vida cotiá. Preocúpanos que esa identidade e esa vida no territorio sigan existindo moitos anos, e que isto non se converta nunha escenografía pura", asegura Regueira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.