Turismo "sustentable" do Xeoparque Cabo Ortegal á Costa da Morte e de Ferrolterra ao Barbanza

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña en Fitur CC-BY-SA Deputación da Coruña

A área de Turismo da Deputación da Coruña participou esta semana na feira internacional Fitur en diferentes presentacións que marcan os puntos fortes da provincia cara a este ano, desde os campionatos de surf nas praias do norte a unha nova maneira de gozar do Xeoparque Cabo Ortegal. "No 2016 comezábamos unha viaxe ao interior da terra co inicio dos trámites para conseguir o certificado da UNESCO co que afortunadamente conta hoxe a comarca do Ortegal. Hoxe iniciamos unha viaxe ao interior do xeodestino, unha moi boa nova porque significa que os concellos están traballando conxuntamente no produto turístico", salientou o vicepresidente e responsable de Turismo, Xosé Regueira

Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño contaron co apoio da Deputación na presentación da proposta Unha viaxe ao interior do Xeoparque Cabo Ortegal  no stand de Xeoparques España en Fitur. Regueira salientou o "esforzo" da Deputación que, a maiores do investimento económico, "consistiu nun traballo de colaboración cos concellos para configurar entre todos un produto turístico de enorme calidade que, ademais de poñer en valor a paisaxe e os recursos naturais e gastronómicos, nos permite diversificar o turismo durante todo o ano".

Presentación da Mancomunidade de Municipios de Barbanza - Arousa CC-BY-SA Deputación da Coruña

Ademais de estrear a súa nova estratexia turística da man da campaña A paisaxe que sabe, a Deputación da Coruña tamén formou parte da presentación da campaña Sempre quereremos volver, que a Mancomunidade de Municipios de Barbanza - Arousa levou ata Fitur. Alí Xosé Regueira recalcou que esta zona conta con "produtos turísticos de primeiro nivel" e con "recursos difíciles de atopar noutras partes", á parte de ser "un destino enogastronómico de primeira que ademais conta cun proxecto Next Generation sobre a tradición conserveira". 

"A Costa da Morte ten un encanto intanxible de primeiro nivel", salientou Regueira, para apuntar: "Din que alí remata o mundo, mais eu creo que é onde comeza todo"

Para o vicepresidente da Deputación o do Barbanza e Arousa é "un destino intelixente, maduro dentro do escaparate turístico de Galicia, que sabe tratar moi ben á xente, que por suposto sempre quere volver". O mesmo que sucede na Costa da Morte, obxecto da presentación da iniciativa de promoción turística da CMAT (a asociación turística da Costa da Morte), Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe, na feira madrileña. 

"Dicía Manuel Rivas que a Costa da Morte é máis que un destino; é un parque temático, e tiña razón. É máis que paisaxe, gastronomía, patrimonio, cultura... A Costa da Morte ten un encanto intanxible de primeiro nivel. Calquera se sentirá atraído non só polos seus incribles solpores ou as súas salvaxes e infinitas praias, senón tamén polos múltiples e únicos acontecementos que alberga e o que é capaz de transmitir a súa xente a través da tradición", sostivo Xosé Regueira durante a súa exposición.

"Din que alí remata o mundo, mais eu creo que é onde comeza todo", aseverou o responsable de Turismo do ente provincial, que sen saír da Costa da Morte participou tamén do "singular" camiño Fisterra - Muxía, "que conta con dúas catedrais, a de Santiago e as pedras do santuario de Muxía, e por suposto o faro da fin do mundo, en Fisterra". 

Asociación de Concellos do Camiño Fisterra - Muxía no stand de Galicia en Fitur CC-BY-SA Deputación da Coruña

Na presentación da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra - Muxía da iniciativa Fisterra-Muxía, o camiño que remata no mar, o deputado provincial Antonio Leira referiuse a este tramo como "único e maxestoso, polo que imos atopar nel, principalmente as súas xentes que vos farán sentir na casa". "Hai un sentir que é o respecto, o coidado, o mimo e a divulgación da esencia do camiño, e aí temos o mellor legado", celebrou Leira, que non esqueceu o proxecto da Deputación Arte no Camiño, que "permite recuperar espazos e historias que hai no Camiño".

Regueira asegura que a colaboración co Classic Surf Pro permite poñer o foco internacional sobre a costa da Coruña os 365 días do ano

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol lanzou en Fitur a campaña Turismo de Ferrolterra e Xosé Regueira salientou o "bo traballo" realizado ao "impulsar un destino turístico que cada vez é máis demandado e de maior calidade". A Deputación da Coruña destina 150.000 euros para a mellora da competitividade turística de Ferrolterra pois –como sinalou Regueira– "é fundamental buscar a ese visitante que saiba valorar o que a provincia é capaz de dar". 

O vicepresidente incidiu en que a comarca de Ferrolterra, que "representa o xeoparque, costa, patrimonio militar, candidatura a patrimonio mundial da UNESCO... e rodeada dunha magnífica paisaxe e cunha espectacular gastronomía", está cada vez mellor situada no escaparate turístico do país. 

No seu interese por diversificar a oferta turística da provincia, a Deputación reedita a súa colaboración coa World Surf League, que se materializa nun investimento de 300.000 euros para as tres probas que o Classic Surf Pro celebra na provincia e que tamén tiveron protagonismo en Fitur: Gadis Longboard Festival Ferrol, Abanca Pantín Classic Galicia Pro e Cabreiroá Junior Pro Razo. "Trátase dunha aposta moi relevante por este deporte que é tamén un produto turístico, que nos permite poñer o foco internacional sobre a nosa costa durante os 365 días do ano", evidenciou Regueira, quen apuntou que o surf contribúe tamén a promover a "sustentabilidade", afianzando "unha alianza co planeta e coa nosa costa", así como "a diversidade no propio deporte".

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol lanza a campaña 'Turismo de Ferrolterra' CC-BY-SA Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.