“Posesións” británicas na Ribeira Sacra

John e Michael nas portas da súa casa cun irmán e un amigo de visita CC-BY M. Carballada

Penelope Anderton di que os británicos están acostumados a viaxar polo mundo enteiro. Esta sensación de continua migración provocada polas súas costumes e pola prolongación do seu país máis aló das illas fan  que se adapten sen complicacións a territorios e a países distintos. Na Ribeira Sacra viven na actualidade uns 50 cidadáns británicos que chegaron para quedarse por diferentes motivos e que atoparon o seu lugar por casualidade ou sinxelamente porque querían un refuxio virxe para vivir.

De aí que a súa presenza na Ribeira Sacra non responda a esa vocación conquistadora e expansionista á que se recorre cando se fala do pobo británico. Galicia exerceu sobre eles unha fascinación confesada que provoca unha mestura dos novos habitantes do territorio coas costumes e leis do lugar. De feito Penelope Anderton, unha muller de profesión restauradora, cando fai unha análise de porqué este paraxe e este país conclúe: “Eu creo que isto non é como o resto de España, os galegos son unha mestura entre os escoceses e os irlandeses, por iso estamos tan ben”.

"Isto non é como o resto de España, os galegos son unha mestura entre os escoceses e os irlandeses, por iso estamos tan ben”

A señora Anderton fixo de Castrotañé, na parroquia de San Vicente de Castillón, en Pantón, o seu fogar. Mercou tres edificacións tradicionais derrubadas e emprendeu un proceso de restauración seguindo as pautas das tradicionais edificacións galegas. Algunha desas casas, en perfecto estado de revista, serven para alugar a persoas que queiran pasar uns días de descanso. Garda un espazo para o seu fillo que ven a miúdo e ela entretense coa restauración de mobles  e coa compañía das pitas e dos gatos.

A pesar de estar en pleno monte, rodeada de carballos e castaños, e escoitar o son da natureza non perde a conexión coa actualidade. Confesa abertamente as súas simpatías polo laborismo e pregunta en busca de resposta que ocorre coa prensa progresista (en referencia ao peche de Público). Antes de entrar a debullar a súa vida cotiá lamenta a alianza entre os xefes de goberno español e británico, Rajoy e Cameron, e lanza unha pregunta “cara onde camiñamos?”.

“Este é o meu fogar porque este é o paraíso”

Penelope asegura ter moitos proxectos. Na actualidade traballa na posta en marcha dos mobles da súa cociña e na preparación dunha nova vivenda na parte traseira da súa casa. Iso si, manifesta que non renuncia os típicos costumes do seu país como tomar un té a media tarde. Sen dubidalo remata dicindo: “Este é o meu fogar porque este é o paraíso”.

 

John e Michael

John e Michael casaron en Ferreira de Pantón. A súa voda foi un acontecemento no Concello e o propio rexedor popular foi quen oficiou a cerimonia. Viven no lugar da Lavandeira, preto de Ferreira e aquí queren quedarse. Dos dous o que ten máis morriña e Michael ao botar de menos a súa familia. Esta semana ten sorte porque o seu irmán e un amigo están en Pantón de visita. Antes de posar para as fotos ensina a Praza a súa última obra: un aparello para aproveitar a auga e poder regar a horta.

A voda de John e Michael foi un acontecemento en Ferreira de Pantón e o propio rexedor popular foi quen oficiou a cerimonia

Chegaron de casualidade á Ribeira Sacra. Antes viviron en Alacante pero non soportaban a calor. Decidiron cambiar e co seu museo de historia as costas viñeron dar a Galicia. De feito a parte superior da súa casa é un museo dedicado á Idade Media totalmente sistematizado e localizado principalmente nas Illas Británicas.

Tanto John como Michael confesan estar todo o día ocupados e din: “non temos tempo de aburrirnos”. É máis, di John, non temos necesidade de ir a Londres aínda que sempre regresamos en Nadal porque sobre todo Michael quere ver aos seus irmáns e ao seu sobriño”.

Combaten o sentimento da nostalxia nos faladoiros que organizan cos súa veciñanza, principalmente con outra parella que vive a escasos metros e que reparte o seu tempo entre as súas estadías en Portugal, onde dan clases de inglés, e a Ribeira Sacra.

 

David

Na outra punta do concello, por riba da gasolineira, viven David e a súa dona. Non teñen fillos e a falta de obrigas familiares levounos a emprender a aventura de vir a Galicia. David explica que dá clase de inglés aos nenos do lugar e a súa dona coida uns 50 gatos que comparten unha ampla vivenda con eles. Están entusiasmados e admiran o xeito de vida das aldeas de Galicia. Exemplifican esa devoción coa súa asistencia ás feiras “para comer o polbo”ou as reunións familiares nas casas dos veciños o domingo á hora da sesta.

Están entusiasmados e admiran o xeito de vida das aldeas de Galicia

Máis breves nas explicacións co resto dos seus compatriotas din: “Non me gusta falar moito de min, eu son un veciño máis e estou moi contento”. E esa quizais sexa a clave de que a morea de británicos que viven na Ribeira Sacra sexan uns veciños máis sen máis pretensións que vivir como todos nun país que xa senten propio.

John e Michael nas portas da súa casa cun irmán e un amigo de visita CC-BY M. Carballada
Penelope Anderton na súa cociña CC-BY M. Carballada
Vivenda de John e Michael na Lavandeira CC-BY M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.