“Síntome un David Delfín na vontade”

Presentación da nova colección Dominio Público Praza Pública

“Ás veces nun deseñador tamén hai un tempo de silencio”, o modisto Gonzalo Vázquez, elixiu esta frase para colocar enriba da pasarela a súa nova colección primavera-verán. En concreto o nome da súa nova proposta creativa é “silencio” porque GV quere deixar atrás a linguaxe máis explícita e tamén barroca para empezar unha nova etapa na que os deseños sinxelos, as liñas puras e os espazos en branco ocupen  protagonismo.

A nova etapa de Gonzalo Vázquez chega coa primavera e co verán e despois de obter un amplo recoñecemento de crítica e público coa súa anterior e outonal colección Meat&Dream. GV xa non se estraña de que os seus nomes aparece en revistas especializadas e en blogues de moda ou incluso de que algúns vexan similitudes co español David Delfín. Porén Vázquez, amigo dos matices, glosa esta afirmación dicindo: “Eu síntome un David Delfín na vontade porque compartimos certa vontade de facer certas cousas pero na estética non temos que coincidir”.

Do mesmo xeito que introduce matices nas coincidencias con Delfín tamén o fai cando se lle atribúe o adxectivo de atrevido ao dicir “non teño vocación de ser un atrevido, depende todo da mirada que olle”

E efectivamente do mesmo xeito que introduce matices nas coincidencias con Delfín tamén o fai cando se lle atribúe o adxectivo de atrevido ao dicir “non teño vocación de ser un atrevido, depende todo da mirada que olle”.

Porén, esa diferenciación buscada existe. Na presentación do desfile ante a prensa convidou aos asistentes a presenciar unha performance baseada na novela Tiempo de Silencio, de Luis Martín Santos, e escolleu un episodio no que o escritor parodia a intelectualidade europea da época como prólogo visual da súa colección. Cando se apagaron os focos, e durante a conversa con Praza, engadiu que busca ese silencio “necesario” despois de ser tan explícito e tan bárroco “porque no silencio atópase unha forma máis de comunicación, onde o son non  ten cabida, pero tampouco o ruído e as estridencias”. Vázquez aclarou que “o silencio é o paradigma, o continente de toda palabra non dita, o todo e a nada no mesmo concepto”.

Busca ese silencio “necesario” despois de ser tan explícito e tan bárroco “porque no silencio atópase unha forma máis de comunicación, onde o son non  ten cabida, pero tampouco o ruído e as estridencias”

A nova colección de Gonzalo Vázquez  para home e muller, ademais de sinxela, é fresca moderna e profundamente elegante. Tecnicamente está dominada por unha sinxeleza perfectamente medida e pensada, con liñas depuradas e sobrias no corte.

Como nas súas propostas anteriores realizou unha elección coidada dos tecidos, que no seu conxunto tradúcese “nunha elegancia práctica”. Non abandona a súa opción pola intersexualidade e explica que “gústame arriscar cada vez máis e por exemplo para as mulleres pensei en recuperar o punto masculino que lle demos aos pantalóns en pasadas coleccións. Incluso hai un punto gay intencionado en toda a proposta”.

A paleta de cores está conformada en Silencio por cores sólidas, co predominio do branco, aínda que hai amarelos, verdes, azuis, laranxas ...de modo que non pode estrañar que Gonzalo Vázquez deseñase un traxe rosa  un home calquera.

 

Gonzalo Vázquez

A colección Silencio catapulta definitivamente a Gonzalo Vázquez no panorama da moda galega

A colección Silencio catapulta definitivamente a Gonzalo Vázquez no panorama da moda galega. Coñecido como o “neno bárroco” non deixa de ser un modisto irreverente e pouco habitual. Coquetea de forma permanente con distintas expresións artísticas e a súa inspiración aliméntase de cineastas como David Lynch, poetas como Celan ou modistos como Alexander McQueen.

É unha intención confesada por el mesmo buscar a conexión entre moda, arte e literatura. De feito na súa folla de vida aparecen colaboracións co vestiario para obras de teatro, cinema ou para postas en escena de grupos musicais como Marful.

Páxina de Gonzalo Vázquez

Gonzalo Vázquez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.