Ademais das Festas de María Pita, o calendario inclúe o Viñetas, o Festival Noroeste, o Teresa Herrera e a Romaría de Santa Margarida, ademais da Feira do Libro, o Festival de Folclore, a Semana Clásica e o Festival de Habaneras
Agosto é o mes festeiro por excelencia na Coruña. Ademais da programación de concertos e outras actividade das Festas de María Pita, o calendario inclúe todos os anos o Viñetas desde o Atlántico, o Festival Noroeste Estrella Galicia, o fútbol do Teresa Herrera e a Romaría de Santa Margarida, ademais da Feira do Libro, o Festival Internacional de Folclore, a Semana Clásica e o Festival de Habaneras. 30 días sen descanso que confirman todos os anos aquilo de Vivir na Coruña que bonito é, andar de parranda e durmir de pé e, ao tempo, o de que esta é a cidade na que ninguén é forasteiro.
Agosto é o mes festeiro por excelencia na Coruña. 30 días sen descanso que confirman todos os anos aquilo de Vivir na Coruña que bonito é, andar de parranda e durmir de pé
O 2024 non será unha excepción e as festas presentaron este martes o groso da súa programación, na que destaca o pregón a cargo do heroe do deportivismo, Lucas Pérez e unha amplísima programación de concertos. Na presentación, a alcaldesa Inés Rey destacou que “A Coruña vivirá un mes enteiro de festas, algo ao alcance de moi poucas cidades”, engadindo que “cumprimos coa nosa tradición de ser a cidade máis festeira de Galicia cunha programación para todos e todas as coruñesas”.
“Cumprimos coa nosa tradición de ser a cidade máis festeira de Galicia cunha programación para todos e todas as coruñesas”, destacou Inés Rey na presentación
A Praza de María Pita será o epicentro das celebracións, comezando polo pregón de Lucas Pérez na xornada inaugural do xoves 1 de agosto, ao que seguirá o concerto de Kate Ryan. Os concertos gratuítos na praza continuarán nos días seguintes. O día 2 estarán Mocedades e Los Panchos, o día 3, Los Planetas, o día 4, Rock en Familia, o día 5, Omar Montes, o día 6 o festival Locos pola Música, con Modestia Aparte, Los Toreros Muertos, Amistades Peligrosas, OBK, Un Pingüino en mi Ascensor e Hechizo (Homenaje a Héroes del Silencio), o 12 de agosto con La Plazuela, o 13 actuará Ariel Rot e o 14 pechará esta edición Budiño, cun concerto especial con varias colaboracións.
Kate Ryan, Los Planetas, Omar Montes, La Plazuela ou Budiño actuarán de balde na Praza de María Pita
Polo medio, na semana entre o 5 e o 11 de agosto, celebrarase o festival Noroeste Estrella Galicia, cuxa programación -ademais dos xa anunciados Xoel López e Vestusta Morla- coñecerase este venres,
Ademais, do 7 ao 11 de agosto a praza de María Pita acollerá o Festival Internacional de Folclore e, do 17 ao 20 de agosto, terá lugar a Semana Clásica, con actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Banda Municipal de Música, da Orquestra GAOS e da Orquestra de Cámara Galega.
A Banda Municipal presentará ‘A Noite das Cancións Extraordinarias’, cunha selección de cancións que triunfaron na Coruña en diferentes épocas realizada por Xurxo Souto
Serán actuacións especiais, con diferentes colaboracións e repertorios especiais. No caso da Banda Municipal presentará ‘A Noite das Cancións Extraordinarias’, cunha selección de cancións que triunfaron na Coruña en diferentes épocas realizada por Xurxo Souto e coas voces principais de Paco Lodeiro e Rosa Cedrón. De novo, nas Festas de María Pita haberá espazo para a tradición co Certame de Habaneras, que se celebrará do 21 ao 25 de agosto na praza de María Pita.
A Batalla Naval celebra o 40 aniversario da súa primeira celebración
Tamén se celebrará o trofeo Teresa Herrera de Fútbol, que terá lugar os días 9 e 10 de agosto en Riazor, recuperando na súa sección masculina o formato de cuadrangular con Deportivo, Leganés, Real Oviedo e Unionistas. Na sección feminina, o Dépor ABANCA enfrontarase ao Athletic de Bilbao. Ademais, a Batalla Naval, que este 2024 cumpre 40 anos da súa primeira celebración, será o venres 16 de agosto na enseada do Orzán, como todos os anos.
A Romaría de Santa Margarida contará este ano cun concerto especial de Rodrigo Cuevas o xoves 29
Como peche a un mes moi intenso, a Romaría de Santa Margarida, contará este ano cun concerto especial
de Rodrigo Cuevas o xoves 29. Será unha actuación de pago e as entradas xa están á venda. O venres 30 haberá un concerto especial de Trilitrate no Planetario da Casa das Ciencias e á noite será a Gran Noite do Folclore, coas asociacións tradicionais da cidade. Ademais, o sábado 31 e domingo 1 de setembro estarán formacións como Xabier Díaz, Xurxo Fernándes ou Startijenn.