Mercedes Peón, Gloria Gaynor e Raphael, cabezas de cartel das Festas de María Pita 2018

José Manuel Sande, edil de Culturas da Coruña, na presentación das festas © Concello da Coruña

A Coruña prepárase para un mes de festa. Música do indie á nostalxia ou clásicos galegos e internacionais conviven no programa das Festas de María Pita 2018, presentado este lunes e que segundo o Concello coruñés tenta "consolidar un modelo de celebración de calidade" con "transversalidade" e tamén con notable presenza feminina a comezar pola súa pregoeira, Mercedes Peón, quen ademais comparte cabeza de cartel musical dos festexos con nomes como os de Gloria Gaynor ou Raphael.

A "variedade no rexistro artístico" destas festas pretende, segundo o edil de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, ser mostra da "axenda privilexiada" en materia de cultura e patrimonio coa que conta a cidade durante o ano. Así, por un dos principais escenarios das festas, o da praza de María Pita, pasarán nos primeiros días da celebración as músicas da propia Mercedes Peón (o xoves 2), Gloria Gaynor (o día 1, tras o pregón) Estrella Morente (o venres, 3) e Raphael (o sábado, 4). O domingo, día 5, será a quenda para a rapazada en horario de tarde cos Cantajuegos.

Na segunda semana de agosto a programación das festas ten lugar destacado para o Festival Noroeste, con 14 escenarios que acollerán 80 concertos entre os que destacan The Pretenders, Belle and Sebastian ou Viva Suecia. A Feira do Libro, do 1 ao 10 de agosto, a vixésimo primeira edición de Viñetas dende o Atlántico (do 6 ao 12), reforzan a oferta cultural dunhas festas nas que recuncan citas tradicionais como o Festival de Habaneras, o Festival de Folclores Interacional e tamén o Festival de Arraigo, creado hai tres anos. 

O Festival Noroeste, con bandas como The Pretenders ou Belle and Sebastian, e a Romaría de Santa Margarida, desta volta con Xabier Díaz e as Adufeiras ou SondeSeu, son algunhas das principais citas da programación das festas coruñesas

Cara á segunda quincena de agosto as Festas de María Pita son sinónimos de festa nos barrios. O día 14, data sinalada para a Batalla Naval, comezan as festas promovidas pola veciñanza de Oza, A Gaiteira e Os Castros. Esa é a xornada na que botan a andar tamén as festas no Castrillón e, xa na seguinte semana, en barrios como Eirís ou Novo Mesoiro, por onde pasarán os míticos Obús. A fin de festa estará marcada un ano máis pola Romaríade Santa Margarida, "dúas xornadas con compoñentes, nestes últimos anos, de innovación e desa sorte de reinvención do grande encontro folk de Galicia", desta volta con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Tanxugueiras ou SondeSeu entre as bandas convidadas. 

Neste 2018 as principais festas coruñesas teñen por lema A cidade so​ñada e teñen como imaxe o cartaz deseñado por Iria do Castelo, unha "creación na que destaca a irreverencia, o surerealismo e que se centra na cidade e na relación das súas e dos seus habitantes co mar". Encádrase, segundo Sande, na aposta do goberno local por "visibilizar a Coruña Gráfica na cartelaría das festas da cidade".

Mercedes Peón © Elena Feito
Gloria Gaynor Dominio Público gloriagaynor.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.