O Incio reivindícase como a "terra do mamut", o único lugar de Galicia no que apareceron restos deste animal

Esculturas instaladas nos últimos meses na parroquia de Val do Mao © Las sombras XXL

O responsable da canteira comunicoulle o achado ao xeólogo Parga Pondal, que era accionista da cementeira

En 1961, no lugar de Buxán (O Inicio) uns traballadores da canteira de Cementos del Noroeste atoparon uns estraños ósos mesturados con arxila. "Xefe, mire que vaca tan grande", díxolle un dos obreiros ao xerente da canteira. Inmediatamente sospeitaron que, polas súas dimensións, aquilo non podía ser unha vaca, pois no esquelete había dentes que medían ata 20 centímetros. O responsable da explotación comunicoulle o achado a ao xeólogo Isidro Parga Pondal, que era ademais accionista da empresa cementeira. Parga Pondal certificou que se trataba dos ósos dun mamut (Mammuthus primigenius), o primeiro e ata agora o único descuberto en Galicia.

Nos últimos anos o Concello do Incio vén reivindicando a singularidade de ser o único lugar de Galicia no que se atoparon os restos deste animal, cunha antigüidade que non puido ser precisada con exactitude, pola ausencia de coláxeno nos restos atopados, pero que podería moverse entre os 25.000 e os 115.000 anos de historia. 

Nos últimos meses a localidade levou a cabo varias actividades para lembrar o achado do animal, en 1961 © Concello do Incio

Nos últimos anos o Concello do Incio vén reivindicando a singularidade de ser o único lugar de Galicia no que se atoparon os restos deste animal

Dende hai uns meses a parroquia de Val do Mao, xunto á estrada LU-641, acolle dúas grandes esculturas (un mamut adulto e unha cría) realizadas pola empresa Sombras XXL, cun peso total de 2.500 quilos. Ademais, o Concello organizou varias actividade de difusión, como charlas de paleotoloxía (baixo o título "Cando os mamuts viñeron vivir o Incio"). Así mesmo, na estrada que leva de Oural á Cruz do Incio pintouse un mural que tamén representa a figura dun mamut.

Finalmente, entre febreiro e marzo presentarase unha ruta de sendeirismo que xa foi sinalizada e que remata no lugar no que foron achados os restos do mamut. A ruta, baixo o nome de Ruta do Mamut e dos Castros, ten seis quilómetros de lonxitude e pasa polos castros de Lebón, Goó e Bermún, e pola necrópole megalítica do monte de Santa Mariña.

A presenza desta especie na Península non foi constante, senón que se rexistrou só nos episodios de frío máis intenso da Idade de Xeo

Os restos atopados na parroquia do Viso (curiosamente, a mesma na que está soterrado o poeta Lois Pereiro) constitúen un dos poucos exemplos atopados en toda a Península Ibérica. Os paleontólogos Diego Álvarez-Lao e Nuria García explican na revista Quaternary Science Reviews que a presenza desta especie na Península non foi constante, senón que se rexistrou só nos episodios de frío máis intenso da Idade de Xeo. Neses momentos, estes animais víronse obrigados a migrar cara ao sur para sobrevivir, como foi o caso do exemplar atopado no Incio.

No estudo dos restos participaron Emiliano Aguirre, que anos despois se converteu no primeiro director das escavacións do xacemento paleolítico de Atapuerca, ou o xeólogo Uxío Torre Enciso. Algúns dos restos foron doados por Parga Pondal ao Museo de Historia Natural da USC e hoxe pódense atopar na colección do Museo de Historia Natural Luís Iglesias, situada no parque de Vista Alegre.

Inicio da ruta de sendeirismo, que será presentada nas vindeiras semanas © Las sombras XXL
Esculturas instaladas nos últimos meses na parroquia de Val do Mao © Las sombras xxl

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.