O Legado de Tibu: Queda alguén por mollarse na Costa da Morte?

Milleiros de mozos e mozas da Costa da Morte cumpriron o reto do 'Legado de Tibu' nas últimas tres semanas Dominio Público Praza Pública

Se es da Costa da Morte, todo isto xa o sabes, pero dende hai unhas semanas unha moda domina as redes sociais: o Legado de Tibu. Un reto consistente en bañarse en auga fria e desafiar outras tres persoas a facelo, persoas que, no caso de non mollarse nun prazo de 48 horas, teñen que convidar a xantar. O meme naceu hai un tempo en Missouri, nos Estados Unidos, con fins benéficos, para recadar cartos para un neno enfermo de cancro. O reto chegou a Weinfelden, en Suiza, onde vive e traballa un enxeñeiro de Camariñas, Damián Pereira, un de tantos mozos e mozas da Costa da Morte emigrados fóra da súa comarca e de Galicia. Damián, que adoita xogar ao fútbol coa camisola de Puyol (alcumado Tiburón), polo que é coñecido por Tibu, mollouse e retou a tres amigos de Xaviña (Camariñas). O reto, coñecido xa como o Legado de Tibu, xa estaba na Costa da Morte.

Dende entón, espallouse polas redes sociais a unha velocidade espectacular, de forma viral e exponencial, de xeito que hoxe se cadra é difícil atopar na Costa da Morte quen non foi convidado a facelo. Creouse mesmo un grupo no Facebook, que xa supera amplamente os mil membros, nos que moita xente vai publicando vídeos que serven de proba do reto realizado, e nos que queda constancia das persoas nomeadas. Hai xa centos de vídeos, moitos en praias e portos da Costa da Morte, tamén en Riazor e Samil ou no lago artificial das Pontes, pero así mesmo en ríos, lavadoiros, na bañeira da casa ou nun xardín, a golpe de mangueira. 

A pasada semana o reto chegou ao mundo da política. O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, foi o primeiro nomeado. E cumpriu o reto o sábado 17, Día das Letras, como quedou constancia neste vídeo publicado por La Voz de Galicia. "A min nomeoume xente nova de Vimianzo, a través do Facebook" -comenta Antelo- "Fun o primeiro alcalde ao que nomearon, e en certa maneira rompín esa barreira da formalidade do mundo político e institucional". "Aproveitei que coincidía coa convocatoria dun pleno extraordinario no Concello, no que o PP pretendía retirarme o soldo, e por iso nomeei a tres hostaleiros locais, a ver se así cando menos me convidaban a comer", explica entre risas.

Outros políticos tamén aceptaron o reto, coma o rexedor de Muxía, Félix Porto. E tamén o fixo o ex-alcalde de Cee, Ramón Vigo. Vigo, ademais, apuntou alto nas súas nominacións, cargadas de intención. Este luns propuxo que se mollasen a actual rexedora, Zaira Rodríguez (que chegou á alcaldía cunha moción de censura que desaloxou a Vigo), ao alcalde de Fistera, José Manuel Traba (que prometeu que o cumpriría), e tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Tamén están nomeados os alcaldes de Dumbría, José Manuel Pequeño, de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso, de Zas, Manuel Muíño, ou de Laxe, Antón Carracedo.

"Serve para afianzar a identidade da Costa da Morte na xente nova, para tecer lazos e para reivindicar o feito de ser de aquí. Creo que isto explica por que se estendeu tan rápido na comarca"

Manuel Antelo celebra o "simpático" da idea, e destaca que "tamén serve para afianzar a identidade da Costa da Morte na xente nova, para tecer lazos e para reivindicar o feito de ser de aquí. Creo que isto explica por que se estendeu tan rápido na comarca". Subliña, ademais, que "está participando xente que segue vivindo aquí, pero tamén moitos que están emigrados, traballando fóra". "A xente necesita verse, atoparse e este xogo serviu para isto", conclúe.

Damián Pereira, o iniciador de todo isto, avisa que en agosto estará de vacacións por Camariñas e xa propuxo, a través de Radio Voz, facer unha quedada nalgunha das praias da Costa da Morte, unha mollada colectiva entre todas as persoas que gravaron algún vídeo ou que cumpriron co reto. Unha idea á que tamén se apunta Manuel Antelo, e que de seguro que servirá para afianzar eses lazos e esa identidade comarcal que reivindicaba o alcalde de Vimianzo.

Os lavadoiros tamén serven para cumprir co 'Legado de Tibu' Dominio Público Praza Pública
Juan Gimel tamén aceptou o reto Dominio Público Praza Pública
No porto de Brens, e chovendo Dominio Público Praza Pública
Hai tamén 'molladas' colectivas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.