Por un San Xoán festivo na cidade da Coruña

San Xoán na praia de Riazor da Coruña CC-BY Ignorant Walking

Chega San Xoán e a polémica sobre se ese día debe ser festivo ou non regresa tamén como cada ano. E faino con forza na Coruña, onde a festa se converte na máis popular e masiva da cidade, xusto despois de que o calendario laboral oficial para 2014 feito público pola Xunta confirmase que para o ano que vén, ao contrario que neste 2013, haberá que ir traballar o 24 de xuño.

Así, e logo de que o BNG reclamase xa en numerosas ocasións un San Xoán "festivo de xeito permanente" na Coruña, agora é o grupo municipal de Esquerda Unida o que solicita ao goberno da cidade que "permita á veciñanza decidir sobre o establecemento desta festa como día festivo local". EU lembra que a administración local ten potestade para facelo e que é "un clamor popular" o que leva anos reclamando este cambio.

"Resulta un clamor popular que o día de San Xoán sexa un día festivo", recorda Esquerda Unida

O Bloque, pola súa banda, agasallou este sábado á mañá a veciñanza con ramos de fiuncho, menta, romeu, ruda, malva, herba luísa, santa maría, pampillos amarellos, figueira, castiñeiro, nogueira, espadaina... as coñecidas como herbas de San Xoán, co fin de reivindicar un 24 de xuño festivo local "a efectos laborábeis e de forma permanente". De feito, o grupo nacionalista anunciou que reclamará no vindeiro pleno ordinario de xullo, a través dunha moción e dunha pregunta oral, "que o Concello da Coruña declare o 24 de xuño festivo local", tal e como adiantou, en declaracións aos medios, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, que participou no reparto de herbas de San Xoán acompañado da concelleira Avia Veira e de militantes do BNG.

"Resulta un clamor popular que o día de San Xoán sexa un día festivo, pois estase a consolidar como uns dos eventos máis importantes na nosa cidade, congréganse milleiros de persoas xunto ao lume e ano tras ano a participación da veciñanza increméntase notablemente, converténdose nun referente no país", asegura o grupo municipal de EU, que asegura que, "se nunca tivo sentido que a noite dunha grande e importante festa popular estea precedida dun día de traballo", agora co enorme esforzo económico do Concello en promover o San Xoán "sería unha auténtica desfeita que os coruñeses tivesen que ir a traballar o martes 24 de xuño do 2014".

“Pedimos un San Xoán festivo local de xeito permanente, e non circunstancial, dado o alto nivel de implantación e enraizamento desta festa galega e popular nos barrios da nosa cidade”, asegurou Carril.

EU pide "unha consulta vinculante" á cidadanía para que elixa dous festivos entre o martes de Entroido, o día do Rosario e San Xoán

Para logralo, Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que "desenvolva unha consulta vinculante á veciñanza coruñesa para a elección dos dous días inhábiles propios do municipio entre o martes de Entroido, o 7 de novembro día da virxe do Rosario e o día de San Xoán" e que "fomente así a participación cidadá e o empoderamento da veciñanza". Un referendo que dea a palabra aos coruñeses.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lembra tamén que xa levou ao pleno da Coruña por dúas veces, unha en moción e outra en pregunta oral, a proposta de que San Xoán fose día inhábil, mais non recibiu o apoio do goberno municipal, negándose incluso o grupo municipal do PP, "nin tan sequera debater unha proposta asumida pola inmensa maioría da cidadanía".

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou “os poderes públicos teñen a obriga de atender as demandas da cidadanía, actuando con flexibilidade e perspicacia diante do sentir maioritario, San Xoán debe ser festivo”. Como queira que para na tradicionalmente fíxanse como festivos locais o martes de Entroido e a virxe do Rosario, propoñemos que a veciñanza decida democraticamente os dous días festivos correspondentes ao municipio.

San Xoán na praia de Riazor da Coruña CC-BY Ignorant Walking

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.