Repasa o mellor da semana en Praza

Dominio Público Praza Pública

Presentámosche aquí unha selección dos contidos elaborados por Praza ao longo da semana, para que os leas máis de vagar, se non tiveches tempo de facelo antes.

 

Política

O PP só aceptou unha das 18 leis propostas pola oposición

Os conservadores tombaron ata seis proposicións de lei de PSdeG e BNG para regular materias que despois a Xunta abordou tamén mediante novas leis. Só a lei de Caixas, a do catálogo de medicamentos e a dos medios públicos tiveron o apoio de máis dun grupo parlamentario.

 

O 'holding mediático' do alcalde de Quiroga blinda o seu poder tras 25 anos de goberno

Julio Álvarez converteu o concello nun fortín inexpugnable. Superado o tempo de Cacharro na Deputación e de Fraga na Xunta, non goza dunha relación tan privilexiada coa nova oligarquía popular pero así e todo resiste. A súa ferramenta para manterse son os empregos que lle ofrece á veciñanza e un aparello propagandístico que conta cunha radio e televisión municipal como instrumentos.

 

Feijóo aproba por trámite de urxencia as súas leis máis polémicas

O Goberno bota man da vía de lectura única, que apenas permite participar á oposición, para sacar adiante no Parlamento os seus proxectos máis controvertidos, o que para PSdeG e BNG converte a Cámara nun mero trámite "burocrático". O plan de recortes aos empregados públicos vén de iniciar este procedemento.

 

Beiras: “O resultado da creba pode non ser negativo, porque o espazo resultante da suma dos dous pode ser máis amplo”

No interior podedes ver a segunda parte do vídeo da entrevista que lle fixemos a semana pasada a Xosé Manuel Beiras.

 

Movementos sociais

Público pecha a súa edición en papel. Cales son as alternativas?

Os traballadores veñen de decidir en asemblea que o xornal xa non sairá este sábado. O diario seguirá na web, aínda que cun futuro incerto, pois non figura no plan de viabilidade. Víctor Sampedro denuncia que "a economía non dixital da información está fóra do alcance de sectores que non conten co apoio dos poderes bancarios".

 

Unha factura de 350 euros por ir a urxencias?

Unha parella de orixe cubana (el con nacionalidade española) levou a súa filla de dous meses a urxencias. Dado que non contaban co suficiente tempo de empadroamento para teren acceso á tarxeta sanitaria (despois da modificación efectuada polo goberno Feijoo en setembro), un mes despois recibiron unha factura de 351,01 euros.

 

"Estamos perdendo o timón do futuro de Santiago"

Unha plataforma cidadá, formada por colectivos sociais, colexios profesionais e veciños, denuncia o espolio da Finca do Espiño e a política urbanística de Conde Roa. Afirman que “estamos afeitos a ver este tipo de operacións urbanísticas noutros territorios do Estado español e non queremos que comece a ocorrer no Concello”.

 

Economía

Labregos e gandeiros arremeten contra a supresión da Comisión de Competencia

O Consello de Ministros aprobou este venres a unificación de oito organismos supervisores nun único ente: a "Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia". Xorden voces que claman contra a desregulación nun proceso similar ao acontecido en EEUU na era Lehman Brothers

 

"Dixéronme que era un cliente preferente e que por iso eran boas as participacións"

O caso de Antonio repítese con ata 100.000 galegos atrapados polas participacións preferentes que as entidades financeiras colocaron durante anos. Os afectados mobilízanse a nivel local, comarcal e estatal. O día tres organizarán unha gran protesta

 

Milleiros de persoas rexeitan nas rúas galegas os recortes nos servizos públicos

As manifestacións unitarias, convocadas por CIG, UGT, CC.OO. e CSI-CSIF, co apoio de CGT, USO, Satse e SAE, reuniron  máis de 6.000 persoas en Vigo e Coruña, 5.000 en Ferrol, e cifras menores, aínda que importantes, en Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra e O Barco.

 

Galicia perde o liderado estatal de contratación no sector naval

Antes da supresión do tax lease, suspendido de xeito cautelar en xullo de 2011, a caída da contratación xa era unha constante. Galicia perdeu o liderado na negociación de novos pedidos. Brasil impón penalizacións ás firmas de construción naval que non boten man de auxiliares autóctonas

 

A Xunta suprime Investigación Agraria malia que a PAC triplique os fondos para financiala

O 5 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o cesamento de Alejandra Álvarez de Mon, responsable da dirección xeral de Innovación, Industrias Agrarias e Forestais. Con el suprimiuse este departamento malia que a Unión Europea teña decidido triplicar os fondos para a esta partida no agro. O director xeral de Investigación da Comisión é o galego Xosé Manuel Silva.

 

Cando a crise é peor que a morte

Un estudo de varios investigadores de Oxford apunta a que a taxa de suicidios medra un 0,79% por cada punto porcentual que aumenta a de desemprego. En Grecia e Irlanda a porcentaxe deste tipo de mortes violentas medrou un 17 e 13% desde 2008. Foron os dous primeiros países en ser rescatados pola troika

 

Cultura

"Rosalía era a voz dos silenciados, das maltratadas, da lingua, era a voz que falaba por todos"

O día de Rosalía celébrase en todo o país impulsado pola AELG, que conseguiu que máis de trinta concellos aprobasen mocións declarando o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. Durante toda a xornada organízanse ducias de actos nas rúas e prazas de todo o país

 

“Este goberno é unha brigada de demolición que chegou e dixo 'imos acabar con todo'”

O director Jorge Coira levará ao cine a obra teatral de Ruibal Limpeza de sangue. Os dous creadores falan con Praza da futura película, da crise, da corrupción e dos recortes en cultura da Xunta

 

“Estamos chegando ao final dunha etapa de 30 anos de teatro”

“Entre a débeda de Agadic, os recortes e a falta de perspectivas de traballo, o que nos queda é marchar para a casa. É totalmente imposible manter o circuíto de consumo teatral actual”. Así de contundente se amosa, na súa análise da situación actual das artes escénicas en Galicia, o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, (AAAG), Antonio Durán ‘Morris’.

 

2012, un ano crítico para os festivais galegos

Os recortes nos apoios económicos de Xunta, concellos e dalgunhas entidades financeiras, poñen en risco a continuidade dalgunhas citas musicais e obrigan á máxima austeridade a outros eventos.

 

Ángel de la Cruz: "Non sería raro que un filme de animación fose nominado na categoría de mellor película"

'Arrugas' acadou dous premios Goya este domingo, nas categorías de mellor longametraxe de animación e na de mellor guión adaptado, obra de Ángel de la Cruz, director do filme. É a primeira película animada que consegue este recoñecemento

 

"A clave do peche do Diario de Galicia estivo nos erros internos de xestión"

Na súa tese de doutoramento, lida o pasado venes na Facultade de Xornalismo da USC, Denís Fernández Méndez afonda na historia do xornal progresista e galeguista, un proxecto que durou once meses entre 1988 e 1989.

 

O underground galego sobe o volume ante a crise

Falamos con Mano de Obra, Franc3s, Carrero Bianco, Novedades Carminha, Noise Project, Disco Las Palmeras, Mequetrefe, Metralletas Lecheras e Sr. Anido sobre o momento actual da música galega, o ruído, o bizarrismo e as dificultades económicas de festivais e salas.

 

Ciencia e novas tecnoloxías

O bipartito logrou os fondos do Plan de Banda Larga do que se gaba Feijóo

A antiga Consellería de Innovación conseguiu 100 millóns a través dun convenio co Estado poucos meses antes das autonómicas de 2009. O persoal da Fundación Calidade, á que o anterior Goberno lle encomendou parte da súa política tecnolóxica, teme ser despedido por "razóns económicas" a través da reforma laboral.

 

Os datos desmenten a Feijóo: pouco máis da metade dos galegos ten acceso a Internet

O presidente da Xunta asegura que "nove de cada dez" galegos dispoñen xa de conexión de banda larga. Estudos do IGE, do INE e de consultoras privadas sitúan a cifra no entorno do 50% e no rural non chega ao 40%

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.