Ribadeo Indiano: a vila viaxa no tempo cunha festa que encheu de cor e música as rúas

Concerto nunha edición anterior do Ribadeo Indiano © Ribadeo Indiano

Dende o 2014 todos os veráns a vila de Ribadeo viaxa atrás no tempo, regresa aos primeiros anos do século XX, ás décadas da emigración a América e do retorno, temporal ou definitivo, dos indianos, que tanta pegada deixaron na arquitectura e tamén nas institucións educativas e sociais desta comarca. A festa do Ribadeo Indiano celebrou esta fin de semana a súa sétima edición, despois de dous veráns (o do 2020 e 2021) sen poder facelo por mor da pandemia.

A festa do Ribadeo Indiano celebrou esta fin de semana a súa sétima edición, despois de dous veráns (o do 2020 e 2021) sen poder facelo por mor da pandemia

As rúas e prazas estaban xa engalanadas dende había días e dende este venres comezou a verse un gran número de persoas, veciñanza de Ribadeo e Mariña pero tamén moita chegada doutros lugares, vestidas como se non estivésemos no ano 2022, senón máis ben no 1922. O VII Ribadeo Indiano comezou o venres pola tarde co pregón pronunciado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, un acto que foi continuando polo tradicional desembarco en Porcillán.

O Ribadeo Indiano, este sábado © Concello de Ribadeo

A música foi tamén protagonista, coa actuación destacada este domingo da mexicana Lila Downs na rúa San Roque, un escenario que tamén ocuparon a Banda Municipal de Música de Ribadeo e mais o Festival de Habaneras

Venres, sábado e domingo a música foi tamén protagonista, coa actuación destacada este domingo da mexicana Lila Downs na rúa San Roque, un escenario que tamén ocuparon a Banda Municipal de Música de Ribadeo e mais o Festival de Habaneras, que organiza a Coral Polifónica ribadense. Nesta rúa tamén se instalaron os postos do Mercado de Ultramar. 

O sábado e domingo multiplicáronse as actividades, con torneos deportivos, exhibicións de coches clásicos, visitas guiadas e teatralizadas, coloquios e moita música polas rúas, cunha verbena tradicional o sábado. Ademais, estes días desenvolveuse a xa tradicional xincana, un xogo por equipos que consta de varias probas distribuídas pola vila e con premios económicos para os grupos gañadores.

Estamos ante un evento "creado como quen di hai catro días, pero parece que xa forma parte do ADN e do imaxinario colectivo deste noso Ribadeo", destaca o alcalde, Fernando Suárez

O alcalde, Fernando Suárez Barcia, destacou que estamos ante un evento "creado como quen di hai catro días, pero parece que xa forma parte do ADN e do imaxinario colectivo deste noso Ribadeo". O rexedor sinalou que "esta é unha festa, porque o é", pero tamén "é historia lembrada e dignificada" e tamén "é arte, arte na rúa, porque o merecemos". Suárez Barcia salientou a este respecto que "logo desta triste pandemia que todos vivimos ao longo de dous anos, todo o mundo quere volver a vivir, quere volver a reencontrarse coas súas familias, coas súas amizades, e qué mellor marco que este Ribadeo Indiano". 

Arquitectura e vestido indiano

Nesta festa indiana cobra un gran protagonismo a arquitectura, pois moitas persoas que retornaron de América trouxeron a Ribadeo e á súa comarca "unha arquitectura cosmopolita que se inseriu de forma rechamante entre as casas tradicionais, para simbolizar o triunfo e o éxito conseguido fóra, vivendas cómodas, amplas, abertas ao exterior, con novas formas e materiais que falan de riqueza, sofisticación e formas de vida urbanas, con elegantes adornos nas fachadas, xardíns exuberantes e con reminiscencias tropicais", destacan dende a organización.

"Logo desta triste pandemia todo o mundo quere volver a vivir, quere volver a reencontrarse coas súas familias, coas súas amizades, e que mellor marco que este Ribadeo Indiano" 

E tamén a vestimenta, obrigada para todas as persoas que estes días participaron nas celebracións: para os homes camisas guayaberas, pantalóns brancos ou beige e traxes de liño con ou sen garabata con sombreiros panameños de tea ou de palla, polo xeral de cor branca. E para as mulleres, traxes e vestidos amplos de cores claras, con algunha cor máis viva nos baixos, na cintura ou nas mangas; na cabeza a clásica pamela adornada con flores ou tocados.

Asistentes a unha edición anterior do Ribadeo Indiano © Ribadeo Indiano
Asistentes a unha edición anterior do Ribadeo Indiano © Ribadeo Indiano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.