Ribadeo retrocede un século para lembrar o seu pasado indiano

Fragmento dun mural indiano nunha casa de Ribadeo catalogado polo Consello da Cultura Galega Dominio Público Consello da Cultura Galega

Ribadeo retrocede esta fin de semana un século para lembrar, na cuarta edición da festa Ribadeo Indiano, o seu pasado ligado á emigración e os retornados. A festa comezou o venres coa participación do embaixador de Arxentina, Federico García Puerta, que co alcalde, Fernando Suárez, redescubriu unha placa na rúa Bos Aires. No amplo programa de actividades hai música, representacións teatrais, visitas a casas indianas, paseos culturais, mercado de produtos de ultramar, conferencias ou xogos. As actividades rematan o domingo na parroquia de A Devesa, “a máis indiana”, salientan desde o Concello.

A festa Ribadeo Indiano chega á súa cuarta edición cun amplo programa de actividades co que tamén colabora o Consello da Cultura Galega, que colabora co Concello na recuperación da memoria

Este ano, ademais, o Consello da Cultura Galega participa na festa coa exposición “Os adeuses”, que documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, e unha conferencia que o sábado ás 19.00 horas pronuncia o presidente da institución, Ramón Villares, arredor do fenómeno migratorio. Ademais, o Consello da Cultura Galega e o Concello colaboran para recuperar fondos particulares da emigración, para que todas as persoas que queiran realizar a súa contribución poidan facelo todos os venres do ano (en horario de 11.00 a 13.00 horas) na Oficina de Turismo do concello. “As achegas realizadas constituirán un acervo de fontes á disposición da comunidade investigadora, dos expertos na temática migratoria e, por suposto, dos propios protagonistas”, salienta o Consello. Ademais, a institución incluíu e debulla na súa web as características dun mural indiano conservado nunha casa da vila.

"O Ribadeo Ribadeo pretende algo máis importante que a propia imaxe de ir guapo, queremos rememorar esa parte importante da historia na que tamén se pasou mal, esa sensación de perda", din desde o Concello

Pola súa banda, a concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez, salienta que “o Ribadeo Indiano pretende algo máis, algo máis importante en certa medida que a propia imaxe de ir guapo. Queremos recordar e, desde logo, rememorar esa parte importante da historia na que tamén se pasou mal, na que a xente cando ten que emigrar e deixar o propio, deixar o que un quere, deixar a terra, xera esa sensación de perda, de nostalxia, do que os galegos chamamos morriña”. Unha vinculación coa terra, di que “sempre buscou que os que quedaron aquí  tiveran tamén mellor vida, igual que a que eles puideron conseguir alén do mar”.

Cartel da cuarta edición do Ribadeo Indiano Dominio Público Concello de Ribadeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.