"Tratamos de amosar Galicia como faríamos cun amigo que vén de visita"

A furgoneta de We are galegos © We are galegos

Verdade que se viaxa mellor e se coñece mellor un país cando che serve de guía unha persoa do lugar? Deste xeito descóbrense recunchos que fican fóra das viaxes organizadas e das guías turísticas, e cómese nos lugares onde comen os nativos, que adoitan ser mellores e ter mellores prezos que aqueles onde paran os fodechinchos, va que si? O problema é que non se sempre tes un amigo ou un coñecido naquel lugar ao que vas. Co obxectivo de dar solución a este inconveniente hai uns meses comezou a operar We Are Galegos, unha empresa que dende Compostela ofrece excursións personalizadas, misturando as visitas a espazos ou monumentos singulares co gusto pola boa mesa. 

We are galegos naceu en Romanía hai un tempo, nunha visita que estaba realizando Germán Cacheda. Unha das paixóns de Cacheda son as viaxes, e grazas ao couchsurfing (unha rede na que ti ofreces cama -ou sofá- na túa cidade a cambio de que outras persoas fagan o mesmo nas súas) nos últimos anos foi percorrendo toda Europa. Quería visitar os mosteiros de Bucovina, pero as dificultades lingüísticas e de transporte fixeron que perdera un día enteiro sen conseguilo. Daquela seguiu o consello da dona do albergue no que se aloxaba de deixar que o acompañase, e deste xeito "viu todos os mosteiros, tomou a comida local e compartiu a experiencia con outros viaxeiros cos seus mesmos intereses". E pensou "por que non hai algo coma isto en Galicia?". Acababa de nacer We are galegos

Agora Germán Cacheda ofrece catro tipos distintos de excursións, que parten de Compostela para percorrer a Ribeira Sacra, as Rías Baixas e Santiago e os seus arredores; unha última oferta consiste nun percorrido polos mellores lugares da contorna, fóra da cidade, para comer: un comamos coma galegos, pensada para os foodies e os afeccionados ao turismo gastronómico. Os prezos, moi económicos, inclúen a viaxe na furgoneta da empresa e o coñecementos experto de Cacheda sobre os atractivos de cada lugar. Coa "flexibilidade" dunha excursión feita con amigos.

"Prefiro pensar que son un viaxeiro e non un turista. Decidín tentar converter o meu principal hobby nun traballo"

Como nace We Are Galegos?

We are galegos nace da miña propia experiencia persoal viaxando polo mundo, tratando vivir a miña propia experiencia polos lugares por onde pasei. Sempre trato de contactar coa xente local para poder coñecer os lugares a través das súas rutinas diarias, aloxándome nas súas casas, comendo onde eles comen e compartindo as nosas vidas durante uns días. Prefiro pensar que son un viaxeiro e non un turista. Decidín tentar converter o meu principal hobby nun traballo.

Que tipo de clientes demandan as vosas excursións?

Precisamente o viaxeiro ou mochilero de calquera idade, tamén estudantes estranxeiros, e mesmo de aquí, que busca coñecer Galicia dende un punto de vista local, e que busca claramente vivir unha experiencia distinta, que escapa do turismo masivo organizado ou mais convencional, e que está máis aberto a compartir unha aventura por un día.

"A xente cada vez ten máis información antes de chegar aos lugares, e ten moito máis claro o que busca, que vai dende o típico interese monumental, ou simplemente gastronómico, ou mesmo de interacción coa natureza"

O futuro do turismo pasa pola especialización?

A xente cada vez ten máis información antes de chegar aos lugares, e ten moito máis claro o que busca, que vai dende o típico interese monumental, ou simplemente gastronómico, ou mesmo de interacción coa natureza (o turismo activo ou deportivo, por exemplo). Penso que canto máis claro e específico sexa o servizo a ofertar, máis éxito terase en chegar ao tipo de turista que o demanda. Penso que hai unha tendencia clara ao consumo do local.

Como é unha viaxe en wearegalegos?

En liñas xerais, a idea é moi simple, queremos que os nosos clientes o pasen ben e compartan esa experiencia con outros viaxeiros que buscan vivir unha aventura por un dia. As nosas excursións teñen un carácter informal, tratamos de amosarlles Galicia como o faríamos cun amigo que vén de visita, onde a improvisación e a flexibilidade das excursións son un compoñente clave. Tratamos de deseñar unha experiencia única cada vez, mesturando os nosos clientes coa xente e a gastronomía local e gozando da paisaxe dos destinos que ofertamos.

"As nosas excursións teñen un carácter informal, tratamos de amosarlles Galicia como o faríamos cun amigo que vén de visita, onde a improvisación e a flexibilidade das excursións son un compoñente clave"

Que rota nos recomendarías?

Galicia está chea de lugares e recunchos impresionantes que a propia xente local non visita con frecuencia, cando tes algo cerca moitas veces non lle prestas atención. Un dos destinos que máis éxito está tendo é sen dúbida a Ribeira Sacra: respírase moita tranquilidade, a paisaxe é alucinante e o poder visitar bodegas atrae moito. Ten moito de especial.

Cara a onde evolucionará We Are Galegos? Que proxectos tedes?

Imos pouco a pouco, con moita ilusión e ganas de seguir compartindo Galicia dun xeito distinto, tratamos de mellorar en cada excursión e deseñar cada vez mellor a nosa idea de turismo experiencial, e pensamos que serán as experiencias da xente e o boca a boca quen decida a nosa evolución.

Captura de pantalla da web © We are galegos
A furgoneta de We are galegos © We are galegos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.