Unha camiñada internacional por Melgaço e Arbo amosa os segredos dos pescadores do Miño

No roteiro realizarase unha exhibición de pesca da lamprea © CM de Melgaço

As ribeiras do río Miño, en Melgaço e Arbo, acollerán este domingo 31 de marzo unha camiñada internacional centrada na actividade tradicional dos pescadores galegos e portugueses. O roteiro está organizado pola Cámara Municipal de Melgaço e o Concello de Arbo en colaboración coas entidades Melgaço Radical, coas asociacións A Batela, Vaguarda, Arrepions e a Asociación dos Pescadores de Arbo. O roteiro comezará ás 9 da mañá na Casa da Cultura de Melgaço. 

Os e as participantes na camiñada, duns 6 quilómetros, estarán acompañados por pescadores de Melgaço e de Arbo, que levarán a cabo unha simulación da pesca da lamprea, dando a coñecer os segredos desta arte ancestral, ao tempo que gozan das marabillosas paisaxes de ambas as dúas marxes do río. Os pescadores contarán historias e curiosidades sobre a arte da pesca artesanal e a escalada da lamprea, explicarán o proceso de desenvolvemento das redes de pesca e amosarán as construcións milenarias existentes nas beiras do río para a pesca desta especie.
 
Estas construcións, patrimonio cultural e paisaxístico do Río Miño, testemuñan saberes ancestrais na escolla dos mellores sitios para a súa colocación, na súa orientación en relación ás correntes do río, no proceso de traballar a pedra e erguer os muros, na escolla das redes máis axeitadas e, igualmente, no sistema de xestión comunitaria do seu uso. A orixe das súas construcións pérdese na historia: as primeiras referencias documentadas proceden do século XI, pero pénsase que xa eran utilizadas polos romanos para a pesca da lamprea. 

Cartaz da camiñada internacional © CM de Melgaço

O roteiro inclúe tamén a visita ao Centro de Interpretación da Lamprea Arabo, en Arbo, e rematará cunha degustación de lamprea, acompañada de viño Alvariño das adegas de Melgaço e Arbo.

Así mesmo, o Concello de Melgaço acolle estes días na Casa da Cultura a exposición de fotografía O Río Miño é vida. A mostra é da autoría do artesán Vicente López Martínez e está composta por 45 fotografías e 17 esculturas de pesqueiras do Miño e lampreas, ademais dunha pesqueira e dunha batela en tamaño real.

Melgaço acolle a exposición “O Rio Minho é vida” © CM de Melgaço

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.