Unha volta ao mundo das que xa non se fan

Mercado en Cabo Verde © Xurxo Mariño

Un soño cumprido (ou en fase de cumprirse). Hai quince días partían de Galicia o neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño e a avogada Elisa Couto nunha viaxe que rematará o ano que vén, e na que darán a volta ao mundo. Illas Canarias, Cabo Verde, Sao Tomé..., foron as primeiras escalas, vividas de vagar, como viaxeiros, como exploradores, non como turistas. Unha viaxe que van recollendo, en palabras e imaxes, case a diario no seu blog Vagamundeando. O obxectivo: humano, nin económico nin profesional, apenas coñecer de primeira man as paisaxes, as xentes e as voces diversas deste planeta.

Levan unha equipaxe mínima (9,6 quilos el, 11,5 quilos ela), que colle como equipaxe de man nun avión. Neses vinte quilos totais hai, iso iso, moitos ferraganchos que permitirán que poidan ir dando conta das súas experiencias case en directo. "Hoxe as viaxes xa non son como aqueles dos séculos XVIII e XIX, onde existía unha desconexión case total co lugar de orixe. O correo postal funcionaba nalgúns lugares, pero ao seu ritmo" -explican no blog- "Para a nosa viaxe levamos, nalgúns casos por duplicado, varios tipos de cacharros que nos axudarán a tomar nota, movernos e a manternos en contacto". Varias cámaras de foto, dous ordenadores (mini PC e tableta), e ademais dos teléfonos “normais", levan tamén un IsatPhone Pro de Inmarsat: "ten cobertura global, agás nos Polos, é duro e con boa batería".

No seu blog van recollendo as súas primeiras vivencias. Dende os pescadores das praias de Sao Tomé ás roças e baobabs desta illa. Os mercados tradicionais de Cabo Verde ou as praias de Tarrafal. Atunzinhos, santolas ou unha cea completa para dous por medio millón de dobras (a moeda local, uns 25 euros en total). E moitas experiencias e descobertas, coma a intensa actividade das rúas de Sao Tomé e dos seus mercados: "É un mundo aparte. O día que chegamos pasamos á beira, pero non nos atrevemos a entrar ao ver a tremenda chea de xente movéndose polo interior deses edificios entre unha gran cantidade de produtos, expostos tanto en mesas como no chan. Polos pequenos canellóns que quedan libres circula a xente, e faino sen cesar".

Darwin, Malaspina, Humboldt..., todos temos na cabeza expedicións científicas que se cadra tamén conforma o imaxinario dun investigador. Tamén outras viaxes e voltas ao mundo, reaís ou ficcionais, de Magallanes a Phileas Fogg. Xurxo e Elisa teñen trazada unha rota que os levará agora por Namibia, Botsuana, Sudáfrica, a Terra de Fogo e todo o continente americano até Alaska, Nova Zelandia e Australia, China, Rusia, e de volta a Galicia. Moitos meses por diante.

Mindelo, en Cabo Verde Dominio Público Xurxo Mariño
Baobabs en Sao Tomé Dominio Público Xurxo Mariño
Comendo unha 'santola' en Sao Tomé Dominio Público Xurxo Mariño
'Gadgets' para contar a viaxe en directo © Xurxo Mariño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.