118 mil sinaturas para que maltratar un animal non saia tan 'barato'

Rubén Pérez, no rexistro do Parlamento, xunto cos deputados de AGE © AGE

A Lei 1/93 de Protección dos Animaís de Galicia é unha das normas máis antigas e desfasadas de España nesta materia. Nos últimos anos, en paralelo cun crecemento da sensibilidade social cara ao benestar animal, a meirande parte das comunidades autónomas e dos países da nosa contorna actulizaron a súa lexislación, endurecendo as sancións para aquelas persoas que por acción ou omisión causan dano e sufrimento a este seres. Unha das entidades que nos últimos anos máis pulou en Galicia a prol dun cambio normativo neste campo foi a Asociación Animalista Libera, que hai dous meses iniciou unha recollida de sinaturas para esixir unha nova lei. Este venres Libera fixo entrega no Parlamento dos máis de 118 mil apoios recibidos.

"Nos encontros que tivemos con todos os grupos observamos que o convencemento básico de todos é que hai que modificar e actualizar a lei"

A campaña de Libera buscaba ademais servir de apoio á proposición de lei impulsada pola Fondation Franz Weber e AGE, ademais de pola propia entidade animalista. O vindeiro martes debaterase na cámara a súa toma en consideración. Rubén Pérez Sueiras, voceiro de Libera en Galicia, amosa a súa confianza en que a proposta conte co apoio maioritario da cámara e poida seguir o seu camiño lexislativo: "Nos encontros que tivemos con todos os grupos observamos que o convencemento básico de todos é que hai que modificar e actualizar a lei". Sinala, iso si, que "temos puntos de fricción referidos á graduación das sancións e outros temas", pero cre que o martes se vai aprobar a toma en consideración "e despois cremos que na ponencia que se cree no Parlamento para debater a proposición de lei se poderá debater con seriedade".

Pérez Sueiras subliña que “temos un marco normativo que ten 21 anos. Hai leis que se foron actualizando co tempo e o pulo da sociedade, pero esta lei quedou apartada. Comunidades como Andalucía, Catalunya ou Aragón actualizaron a súa lexislación nos últimos anos, poñendo as sancións á altura do tempo social, e cunha maior implicación das administracións". 

"Agora mesmo deixar morrer de fame un animal, telo atado todo o día ou non garantirlle unha asistencia veterinaria axeitada pode ser sancionado unicamente con 30 euros. E, en cambio, por unha infracción de aparcamento as sancións son moito maiores"

Un dos obxectivos da proposición de lei é incrementar o abano de infraccións sancionadas, e tamén a contía económica destas, para que maltratar un animal non saia tan "barato" como até agora.“Se tomamos como referencia o tope máximo e mínimo das sancións, vemos as diferenzas dunha comunidade a outra. En Catalunya ou Andalucía o tope mínimo das sancións está nos 100 euros, mentres que en Galicia hai multas de 30 euros. E tamén no máximo, con diferenzas entre os 12 mil euros de Galicia e os 90 mil de, por exemplo, Aragón”, destaca. "Agora mesmo deixar morrer de fame un animal, telo atado todo o día ou non garantirlle unha asistencia veterinaria axeitada pode ser sancionado unicamente con 30 euros. E, en cambio, por unha infracción de aparcamento ou por non poñer o ticket da ORA, as sancións son moito maiores", explica o voceiro de Libera, que conclúe que "as sancións deben cumprir unha función disuasoria, que as persoas que se dedican a maltratar ou a abandonar animais saiban que non lles vai saír barato".

Porén, o obxecto desta proposición de lei non é só actualizar o marco normativo relativo ás sancións, senón tamén "incluír un bloque pedagóxico no que o Goberno galego quede obrigado a desenvolver campañas e políticas públicas de protección animal, e a investir aí todos os cartos que se recaden por sancións”, afirma. Este "bloque pedagóxico" e a incorporación á lei das políticas públicas de benestar animal son algúns ds temas nos que existen diferenzas entre as distintas formacións políticas, pero mesmo neste punto Pérez Sueiras cre que finalmente se contará cunha maioría de apoios no Parlamento.

"Noutras comunidades autónomas e noutros  países os gobernos interveñen directa ou indirectamente, apoiando distintas entidades, para garantir que esas políticas públicas de protección dos animais saian adiante"

"Hai unha vontade cidadá e unha maioría social que demanda unha actualización da lei e que as administracións públicas se impliquen" -salienta- "Noutras comunidades autónomas e noutros  países os gobernos interveñen directa ou indirectamente, apoiando distintas entidades, para garantir que esas políticas públicas de protección dos animais saian adiante e impedir que se produzan as situacións de violencia cara a eles".

Esta venres, tamén a deputada de AGE Eva Solla manifestou que se trata "dunha proposta asumible por todos os grupos parlamentares, mesmo polo PPdeG". Solla destacou que se incide de xeito significativo na prevención para non ter que volver a ter que falar de graves casos de maltrato animal como os recollidos nos medios de comunicación galegos nos últimos meses".

Rubén Pérez, no rexistro do Parlamento, xunto cos deputados de AGE © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.