12 meses, 12 razóns para falar en galego

CC-BY-SA Uvigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo vén de lanzar a súa campaña de promoción do galego do ano 2019, que un ano máis acompaña dun calendario, que nas dúas últimas edicións fora acompañado de cadriños a cargo de Luís Davila e Kiko da Silva. Desta volta, a iniciativa fai énfase no formato audiovisual, a través de 12 pequenos vídeos, un por mes, que se poderán compartir nas redes sociais. 

O lema escollido para a campaña é "Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua". Búscase tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis naturalizados na sociedade, de tal xeito que non adoitan entenderse como tales, como que hai linguas máis útiles ca outras, ou que o galego só vale para a comunicación informal.

Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística, destaca o potencial dos vídeos, cun deseño "concibido para a súa distribución polas redes sociais”. Subliña, ademais, que se busca "axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua, como o suxeito neofalante ou o potencial do galego no dominio da lusofonía".

No primeiro vídeo, un dos actores pregúntalle a unha rapaza neofalante "que te dio ahora con el gallego". Ao que ela responde que "ao igual que o planeta, a lingua merece ter un futuro. Só necesitamos vontade para reciclármonos".

Este ano encargouse do deseño e da produción de todo o material, almanaque e vídeos o estudo vigués Desoños, que contou, entre outras, coa colaboración de alumnado formado na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Ademais, editáronse en papel dous mil exemplares que están a ser repartidos en todos os centros da Universidade de Vigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.