1.500 persoas apoian a marcha dos axentes ambientais contra a política forestal da Xunta

Cabeceira da manifestación © CIG

Ao redor de 1.500 persoas participaron este mércores na manifestación convocada polo comité de folga dos axentes ambientais e forestais (CIG e UGT) para reclamar a dignificación laboral deste colectivo mediante un acordo que regule as súas condicións de traballo. A marcha quería denunciar así mesmo a política forestal da Xunta que "sen unha política forestal clara, dálle as costas ao noso monte e ao patrimonio natural galego”, salienta a CIG.

A marcha contou co apoio da Organización Galega de Comunidades de Montes, ADEGA, FRUGA, os comités de empresa de Seaga das catro provincias galegas, a Plataforma Galega de Bombeiros Forestais ou a Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia.

Ao remate da mobilización, a actriz ourensá Nate Borrajo leu o manifesto, que criticou a política forestal desenvolvida pola Xunta e tamén a política ambiental no referido á xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas, así como co coidado dos espazos naturais protexidos e a súa biodiversidade. O texto subliña que os incendios do pasado outono deberían "marcar un punto de inflexión e facer recapacitar á Xunta, xa que a combinación dun alarmante abandono do rural, a escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario no que xa non soamente son os bens de carácter forestal e ambiental os que están en risco, senón que é a poboación a que corre perigo”.

O manifesto foi tamén moi crítico co trato que o Goberno galego dá aos traballadores e traballadoras públicas deste sector, “negándolles sistematicamente unha formación axeitada, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer un servizo público de calidade”. Uns empregados e empregadas que son os e as responsables da custodia do medio natural, da xestión e ordenación dos recursos forestais, da concienciación en materia ambiental e da prevención e loita contra os incendios forestais. O actual acordo laboral que rexe o seu labor, que tiña unha vixencia de tres anos, foi aprobado no ano 2004 e caducou en 2007, polo que foi denunciado polas organizacións sindicais, aínda que ata agora a Xunta negouse a abordar a súa negociación.

 

En folga indefinida dende o día 1

Os axentes forestais e ambientais galegos están en folga indefinida dende o día 1 de agosto, e están a exercela cuns servizos mínimos que foron denunciados no Xulgado, ao ser considerados abusivos. A Consellaría de Medio Rural fixou uns servizos mínimos do 100%, "conculcando o exercicio dun dereito fundamental como é o de folga", critica a CIG.

O sindicato denuncia que "a Xunta segue a desprezar a este colectivo profesional porque no fondo despreza tamén o noso monte xa que para eles/as nunca foi unha prioridade”. “O actual Goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía”, sinalan. A CIG critica que "a irresponsabilidade dos dirixentes da Xunta está a provocar que en pleno mes de agosto, “por primeira vez na súa historia os axentes teñan que estar en folga indefinida para defender a súa dignidade profesional e un servizo público de calidade”. 

 

Cabeceira da manifestación © CIG
Remate da manifestación © CIG
Faixa de Aprafoga © CIG
Outra imaxe da manifestación © CIG
Outra imaxe da manifestación © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.