17 cidades de todo o mundo lerán un manifesto a prol dos medios en galego

Presentación da campaña en Lugo © Vitaminas para o Galego

A plataforma Vitaminas para o Galego, que agrupa 29 medios de comunicación na nosa lingua, prepara distintas accións para o Día das Letras, englobadas baixo o título de Vitaminas 17. Na véspera, 16 de maio, o manifesto a prol do xornalismo en galego, elaborado pola plataforma, lerase en 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e traducirase ás 17 linguas máis faladas.

O 16 de maio o manifesto a prol do xornalismo en galego, elaborado pola plataforma, lerase en 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e traducirase ás 17 linguas máis faladas

Esta semana, a iniciativa presentouse en Lugo. Alí, o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Antón Bao subliñou a importancia de promover o idioma galego como “elemento de cultura, comunicación, tolerancia e respecto”. No acto anunciouse que os alumnos e alumnas dos colexios e Institutos de Lugo recibirán nos vindeiros días Lapis para escribir en galego. A este respecto, Henrique Sanfiz, responsable de Radiofusión, afirmou que “os lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”. Pola súa banda, Alfonso Ribeiro (De luns a venres) indicou que segundo os dados do EGM, o 40% dos seus lectores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”. 

O dia 16 celebrarase ademais, o festival Vitaminas para o galego, organizado polo Concello de Carballo e que presentará a actriz e escritora Paula Carballeira contando coa actuación de María Xosé Silvar Ses. Ademais realizarase a entrega do Premio de Artigos Normalizadores, que este ano recaeu en Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización.

Presentación da campaña en Lugo © Vitaminas para o Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.