1º e 2º da ESO contarán cunha materia de 'Igualdade de Xénero' o vindeiro curso

Presentación da materia, a pasada semana © Xunta

A pasada semana o Goberno galego anunciou con gran boato a incorporación dunha materia de Igualdade de Xénero no vindeiro curso escolar. Terá consideración de disciplina de Libre Configuración Autonómica e ofertarase en 1º e 2º de ESO. No acto destacouse que a materia será "unha ferramenta educativa máis coa que se busca concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais" que buscará "fomentar o seu espírito crítico ante situacións de desigualdade, que dispoñan de ferramentas para evitar e prever ese tipo de situacións, e aceptar que a diversidade contribúe a enriquecer as nosas relacións sociais e persoais", contribuíndo a "evitar condutas de violencia".

Galicia será a segunda comunidade autónoma que conta cunha opción deste tipo no seu ensino público. A materia está estruturada en catro bloques nos que se abordan os conceptos principais sobre xénero e igualdade, as relacións de convivencia e afectividade, a historia da discriminación das mulleres en todos os ámbitos e a violencia machista como consecuencia da discriminación, entre outros.

Esta iniciativa chega despois de anos de críticas á materia de Educación para a Cidadanía por parte do Partido Popular

Esta iniciativa chega despois de anos de críticas á materia de Educación para a Cidadanía por parte do Partido Popular e dos seus representantes. Dende o durante anos conselleiro e hoxe alcalde de Ourense, Jesúa Vázquez: "Creo que moitos valores deben ensinarse en familia e outros de forma transversal, pero non poden traballarse co alumno en dous ou tres horas. Dubido que sexa eficaz. Cando ademais hai outros temas que son prioritarios para a formación dese alumno. Ser boa persoa non se ensina nunha materia concreta", ata a voceira en temas de Educación do PPdeG, Manuela Gómez Besteiro: "Pode permitir o adoutrinamento ideolóxico e invade competencias propias dos pais", pasando polo propio Alberto Núñez Feijoo.

A materia será voluntaria para os centros (poderán decidir se a ofertan ou non) e optativa para o alumnado, e que só ocupará unha hora á semana

Porén, dende algúns ámbitos xa se criticou o carácter limitado desta iniciativa, sinalándose que a materia será voluntaria para os centros (poderán decidir se a ofertan ou non) e optativa para o alumnado, e que só ocupará unha hora á semana.

 

Presentación da materia, a pasada semana © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.